O 70% dos grandes concellos galegos suspende en transparencia

Mapa de transparencia dos concellos © CIDACOM

Este 30 de xuño fai oito anos a Lei de Transparencia, unha norma pioneira no seu momento que, aprobada entre abondosas críticas do PP, daquela na oposición, implantou preceptos que naquela altura eran inéditos, como a obrigatoriedade de amosar as remuneracións dos cargos públicos ou a prohibición de aceptar agasallos. Aquela norma tamén fixaba a publicación de múltiples datos do funcionamento interno da Administración tanto para a Xunta como para os concellos. Os entes locais, precisamente, seguen a ter moito camiño por diante para acadar estándares aceptables de transparencia, cando menos no que atinxe aos maiores municipios do país, os 22 de máis de 20.000 habitantes. Nestes, apenas tres de cada dez son quen de aprobar.

Quen realiza este diagnóstico son os membros de CIDACOM, un grupo de investigación formado por oito universidades de todo o Estado, entre elas a USC, que ten como obxectivo "investigar os recursos, os trazos e as prácticas de comunicación e xornalismo que realizan as administracións públicas locais para facilitar a participación cidadá no seguimento e avaliación da xestión dos gobernos" e explorar as posibilidades que ofrece a tecnoloxía "para melloralos". Aplicando un cuestionario sobre múltiples indicadores de transparencia chegaron á conclusión de unicamente en 7 destes 22 concellos as súas webs "superan o 50% dos indicadores" e acada, polo tanto, "o aprobado". Son o 32% do total e, así e todo, ningún deles supera o 75%. 

Lugo é o municipio máis transparente do país, segundo o estudo

Entre os concellos que superan ese 50% están seis das sete cidades do país encabezadas por Lugo, que co seu 68,29% é tamén o goberno local máis transparente de Galicia, segundo este estudo. Despois do consistorio lugués está A Coruña, cun 63,41%, exactamente a mesma puntuación que Pontevedra e cerca de Vigo, que queda no 60,98%. Pechan o rexistro de cidades aprobadas Santiago e Ferrol, a capital cun 56,1% e Ferrol, cun 51,22%. A única cidade galega que non chega ao 50% é Ourense, na que a información da web municipal lle outorga ao seu goberno un 43,9% de transparencia.

No maioritario grupo dos suspensos 13 destes concellos están por riba do 25% e dous non chegan a el. É o caso de Ponteareas, Concello de algo máis de 23.000 habitantes que apenas supera o 24%. É o mesmo que lle acontece a Marín, de 25.500 habitantes e 22%, a peor de todas. O grupo de investigación analiza todos estes concellos baseándose noutras variables, como o feito de que todos agás Marín teñan un home na Alcaldía ou os partidos políticos que gobernan en cada caso, sen que os resultados dean lugar a pensar que algún destes factores inflúe nos seus niveis de transparencia.

Os indicadores

Para chegar a estes resultados o grupo CIDACOM avaliou catro grupos de indicadores. O primeiro deles, relativo á información sobre os representantes políticos, permítelles sinalar que 20 das 22 webs ofrecen información básica sobre o alcalde ou alcaldesa. O nivel de información é notablemente inferior no referido ao resto de membros do goberno, só dispoñible en 7, e máis aínda no que atinxe á oposición, da que segundo o estudo só se informa en 4 e unicamente nunha delas, a de Vigo, inclúe "biografía e/ou currículo", se ben en Compostela tamén se inclúe esta información.

"Unicamente en dúas cidades os gobernos publican un plan de goberno"

As competencias dos órganos de goberno e o seu calendario de traballo, actas e ordes do día dos plenos ou contidos das reunións da Xunta de Goberno Local son outros  dos contidos que procurou CIDACOM nunha análise que advirte de que "unicamente en dúas cidades os gobernos elaboraron e publican nas súas webs un plan de goberno, un plan de actuación municipal ou un plan estratéxico". Trátase, nomeadamente, das primeiras da lista, Lugo e Pontevedra.

Como norma xeral a información menos abondosa é a do ámbito económico. Só Pontevedra e Ferrol detallan "a relación de postos de traballo e as retribucións segundo as categorías" e unicamente Pontevedra, Ferrol, Ourense, Redondela e Ames dan conta das retribucións dos cargos electos. O documento esencial da xestión económica, o orzamento, só está dispoñible en sete webs, a información sobre a súa execución en catro e os informes anuais sobre a conta xeral, en cinco. As ordenanzas municipais, pola contra, están dispoñibles en todas as webs analizadas agás na de Ponteareas.

As recomendacións

Con estes resultados na man o grupo de investigación conclúe que "todas as webs publican notiicas e a maioría, sobre as actuacións dos membros do goberno relacionadas co rendemento de contas", pero ningunha ofrece novas "sobre as actuacións dos membros da oposición" e "só en cinco se contrastan as informacións de membros do goberno, da oposición e de técnicos no seu caso". Esta ausencia da oposición e "o feito de que na maioría de webs non se contraste a información que se proporciona" fai "sospeitar que esta información pode estar máis orientada cara á propaganda do goberno e da súa máxima autoridade que cara á información para que a cidadanía poida facer seguimento e avaliar as actuacións dos seus representantes", din.

"A información pode estar orientada á propaganda do goberno"

No capítulo de recomendacións os investigadores e investigadoras ven necesario "un maior esforzo" na aplicación da devandita lei de transparencia e tamén da aprobada polo Goberno do Estado o pasado decembro, "comezando polos municipios máis grandes e os que teñen responsabilidades especiais por seren capitais de provincia ou de autonomía". Nesta liña, CIDACOM advirte da "responsabilidade no cumprimento da lei" que lles corresponde á Xunta e ás deputacións, que deberían "impulsar unha cultura da transparencia" e proporcionarlles aos concellos "recursos" para facelo.

Casa do Concello de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.