O alcalde de Abadín só convocou o 25% dos plenos aos que estaba obrigado dende o 2015

Antiga Casa do Concello de Abadín CC-BY-SA Agremon

O alcalde de Abadín, José María López Rancaño (PP) leva 8 meses sen convocar un pleno ordinario. Así o denuncia o PSdeG-PSOE, que lembra que o rexedor está a incumprir a lei, que o obriga a permitir a celebración de plenos cada dous meses. En concreto, o regulamento municipal establece que os plenos deben realizarse "os últimos xoves de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro" ás catro da tarde. 

Dende maio de 2015 só convocou 5 dos 20 plenos aos que estaba obrigado

Non é a primeira vez que isto sucede: en xaneiro do ano pasado os socialistas levaron a súa denuncia ante a Valedora do Pobo, nun momento que o Concello sumaba xa 10 meses sen plenos. Aquela denuncia semella que non tivo efecto no rexedor popular que dende maio de 2015, sinala o PSdeG-PSOE, só convocou 5 dos 20 plenos aos que estaba obrigado, un 25%. En concreto, estes tiveron lugar en xaneiro e setembro de 2016, en xaneiro de 2017, e en marzo e maio de 2018 (estes dous, polo tanto, inmediatamente despois das denuncias públicas de hai 12 meses).

O voceiro do PSOE en Abadín, Pablo Díaz, acusa a López Rancaño de "impedir a participación política" no Concello. "Nin defende a democracia nin respecta aos veciños que nos votaron para defender e dar voz ás súas demandas", di o socialista, que lembra que aínda non foron aprobados os orzamentos do ano 2018 e tampouco o PXOM.

O voceiro do PSOE en Abadín, Pablo Díaz, acusa a López Rancaño de "impedir a participación política" no Concello

Pablo Diaz estende as súas críticas aos dirixentes do PP na provincia de Lugo e en Galicia, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Alberto Núñez Feijóo, "que non fixeron absolutamente nada para remediar este problema tan grave", afirma o socialista que engade que "entendemos que están de acordo coa postura do Alcalde e que apoian esta forma tan baixa de facer política”.

O pasado ano, a presidenta provincial do PP en Lugo, Elena Candia, afirmou publicamente que non lle ía pedir explicacións a López Rancaño, pois o Concello de Abadín "ten uns servizos xurídicos que velan polo seu funcionamento" e, ademais, porque "de maneira continuada bate récords en apoio dos veciños e veciñas".

 

A situación repítese noutros concellos

Elena Candia xustificou a situación en que o rexedor "de maneira continuada bate récords en apoio dos veciños e veciñas"

A situación que se vive en Abadín non é a habitual, pero hai outros concellos galegos nos que se está a producir de forma semellante. Así, en novembro o PSdeG-PSOE tamén denunciou ante a Valedora do Pobo a negativa do alcalde de Outeiro de Rei (PP) a convocar plenos extraordinarios. Naquela localidade foran apenas tres os plenos non convocados e en decembro o rexedor si permitiu a realización do pleno. Iso si. os tres grupos da oposición -BNG, FLI (Foro Lugo Independente) e PSdeG-PSOE- criticaron que a convocatoria se adiantou cinco días ao previsto, impedíndolles presentar as súas propostas. Finalmente, víronse obrigados a rexistrar a convocatoria dun plenos extraordinario para poder introducilas.

Máis longo foi o período sen plenos en Pazos de Borbén. Na derradeira semana de decembro a oposicion (Alternativa Veciñal e PSOE) denunciou que a localidade levaba xa seis meses sen celebrar plenos, acusando ao Goberno local de perder varios investimentos para o concello pola non convocatoria destas xuntanzas. Poucos días despois o alcalde permitiu finalmente a realización do pleno

Tamén San Amaro estivo o pasado ano máis de cinco meses sen plenos. Con todo, ningún destes concellos chega á situación vivida en Rairiz da Veiga, onde Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio estivo máis de cinco anos, entre 2010 e 2015, sen convocar estes plenos extraordinarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.