O alcalde de Baralla: "As capas sociais baixas son as que teñen fillos... Como non os coidan!"

O alcalde de Baralla, aclamado por afíns en 2013 tras evitar a dimisión polas súas declaracións sobre os asasinatos do franquismo CC-BY-SA Xosé Salgado

En Baralla a maioría do PP é absolutísima. En 2015, cando sufriron un notable devalo electoral en numerosos concellos, nesta vila de 2.630 habitantes da comarca dos Ancares os populares caeron apenas tres puntos.  lograron o 62,66% dos votos e 8 dos 11 edís da corporación que dende 1987 preside Manuel González Capón, quen durante o mandato anterior ocupara titulares por afirmar durante un pleno que as persoas asasinadas polos franquistas "merecíano" e despois, polo estourido dun artefacto explosivo ás portas da casa consistorial que causou danos materiais e cuxo autor foi condenado a sete anos de cadea.

En Baralla só gobernaron en dúas ocasións partidos que non fosen o PP ou as formacións que compuñan a vella Alianza Popular. UCD, entre 1979 e 1983, e o PSdeG, de 1983 a 1987. Dende aquela, o monocultivo do partido fundado por Manuel Fraga foi absoluto e na ocasión en que a esquerda estivo máis preto de se facer co poder, en 2007, o PP logrou 6 edís e case o 55% dos votos. Segundo as forzas que conforman a actual oposición municipal, PSdeG (2 edís) e BNG (1), o dominio de González Capón -tamén deputado provincial polo PP- e os seus afíns é tal que a conformación de candidaturas locais diferentes da do alcalde son toda unha odisea. A razón é "o ambiente hostil, as presións en canto se vai achegando o ano electoral", as "ameazas" de "problemas no traballo" ou de "levar un susto", din integrantes destas formacións que prefiren que non transcenda o seu nome.

O dominio de Capón e os seus afíns é tal que a conformación de candidaturas diferentes do PP torna en odisea

Estas "presións ", afirman nas filas socialistas e nacionalistas, trasládase tamén aos plenos municipais. Así, por exemplo, o voceiro do grupo municipal do PSdeG, Jaime González, denunciou reiteradamente que as actas das sesións plenarias non daban conta fidedigna das súas intervencións nin das do Bloque. Foi por iso, explica en conversa con Praza.gal, que o seu grupo solicitou o pasado ano que o contido dos plenos fose gravado polo propio Concello. González Capón negouse a facelo, relata, e resolveu a situación cun "haga usted lo que quiera". Así foi como o PSdeG local deu en rexistrar as sesións, gravacións de audio que reflicten comentarios e advertencias do alcalde que antes non saían da casa consistorial.

"Aos xitanos dálles igual ter seis que sete [fillos], se puidesen, cada tres meses nacía un"

Nesas gravacións, ás que tivo acceso Praza.gal, o desdén cara á oposición ou parte da veciñanza convive con rechamantes consideracións políticas. Foi o caso da lanzada o 21 de decembro de 2017 durante o pleno que discutía os orzamentos para 2018. Nunha das súas emendas o voceiro do BNG, Xosé Manuel Becerra, propuxo destinar 15.000 euros das contas municipais a sufragar unha axuda de 1.000 euros por nacemento ou adopción de habitantes do municipio, que en 2017 rexistrou 12 nacementos. Alén de considerar que unha medida coma esta precisaría de "baremos" axeitados para que non se beneficiasen dela as rendas máis altas, González Capón agregou a súa valoración sobre o que sucede con estas achegas en familias de menores recursos.

Integrantes das forzas da oposición municipal, PSdeG e BNG, describen un "ambiente hostil" inzado de "presións" que medran "en canto se achega o ano electoral"

Tras evocar o cheque bebé da etapa de José Luis Rodríguez Zapatero, o alcalde de Baralla afirma que "as capas sociais máis baixas son as que teñen os fillos" aos que despois "non coidan". Á súa reflexión inicial González Capón agrega un exemplo: "Aos xitanos, sen desprezalos, dálles igual ter seis que sete" e "se puidesen, cada tres meses nacía un". Acto seguido, zanxou o debate indicando que "probablemente" adoptar esta medida non sería "malo", se ben se trataría "dunha axuda" que non axudaría en exceso a impulsar a natalidade. A acta oficial dese pleno reflicte que o alcalde "pensa que ditas axudas nin van nin veñen" e "aínda que calquera axuda é boa, a xente non se vai arranxar con iso, debería regularse cuns baremos estritos para evitar situacións discriminatorias e sangrantes", remata.

O alcalde reduce as críticas a "frases sacadas de contexto" e "mentiras" porque a oposición "non ten asumida" a maioría absoluta do PP

Mentres que para o socialista Jaime González estas verbas son impropias dun debate político, o rexedor réstalles importancia. En declaracións ao xornal El Progreso reduciunas a "frases sacadas de contexto" pola oposición, que "non ten asumido" que o PP conta con "maioría absoluta" e por iso "quere polemizar con mentiras". Os plenos de Baralla, agrega, son "dos máis democráticos que existen".

Para os grupos da oposición esta non é máis ca unha mostra do día a día político no concello para calquera membro dunha formación que non sexa o PP. Na vila seguen a circular, polo baixo, historias de coches raiados e rodas picadas en vésperas da conformación de candidaturas electorais ou de tramos de pistas sen asfaltar para non beneficiar un veciño afín ao PSdeG ou ao BNG. Unha persoa afectada por un destes sucesos amósase impotente e, ao tempo, láiase da imposibilidade de "demostrar" de onde proceden estas condutas. "Eu non digo que sexa o alcalde", agrega unha das fontes consultadas por Praza.gal, porque "tamén hai moitos hooligans" do líder do PP local.

Cando, en 2013, as declaracións de González Capón sobre o franquismo traspasaron os límites do Concello e deron lugar a un pleno no que a oposición esixiu a súa dimisión e o alcalde resolveu o sucedido coa lectura dun comunicado de desculpas. Tras a sesión, o alcalde foi aclamado polos seus afíns, que tamén increparon a representantes de PSdeG, BNG e colectivos a prol da memoria histórica que se manifestaban no exterior da casa consistorial. "Fóra, comunistas!", escoitárase aquela mañá en Baralla.

O alcalde de Baralla, con Rajoy e veciños da vila nun acto electoral © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.