O alcalde de Lalín recupera a idea dunha incineradora na comarca

Carteis contra a incineradora CC-BY-SA Adega

A suba do canon que Sogama lles cobra aos concellos por tratar os seus residuos (superior ao 30%) está avivando o debate a nivel local sobre as alternativas para a xestión de residuos. Sobre todo en Lalín, que nos últimos anos xa barallou en varias ocasións a idea de instalar unha planta incineradora, ben fose de ámbito local, para desfacerse do lixo producido no concello, ben fose de gran tamaño, a chamada Sogama do sur que estivo a piques de instalarse no Irixo e que finalmente foi desbotada. 

O BNG, a través do seu voceiro Xesús Cordeiro, sinalou que o que debería facer o Concello de Lalín sería "negarse a pagar o canon, e a partir de aí rescindir o contrato con Sogama e buscar alternativas"

O alcalde de Lalín, José Crespo, aproveitou recentemente unha proposta do BNG, que lanzou a idea de instalar unha planta de reciclaxe e compostaxe, para propoñer á súa vez a construción dunha incineradora. Os nacionalistas fixeron constar de seguida que o seu era un proxecto completamente distinto, e ademais cualificaron de "canto ao sol" as palabras de Crespo, ao que lle lembraron que ten contrato en vigor con Sogama. O BNG, a través do seu voceiro Xesús Cordeiro, sinalou que o que debería facer o Concello de Lalín sería "negarse a pagar o canon, e a partir de aí rescindir o contrato con Sogama e buscar alternativas".

O PP rexeitou hai un tempo a posibilidade de que a macroincineradora do sur se instalase en Lalín, polos prexuízos medioambientais que podería provocar, aceptando a opción de que fose a parar ao concello do Irixo, moi próximo, obviando que a contaminación en augas e aire sería moi semellante. A mobilización cidadá en Lalín contra a incineradora do Irixo, nucleada en torno á plataforma 'Incineradora no Deza Non' foi moi forte. O seu voceiro, Xosé Manuel López, destacou as consecuencias negativas que a macroplanta tería para a comarca: "Esta comarca vive do que vive; o textil sufriu unha crise grande, e tamén a construción, pero nesta comarca hai moitos gandeiros e moitos están tentanto facer produtos ecolóxicos, con selo de calidade".

Sempre estivo sobre a mesa a construción dunha incineradora de menor tamaño, cun custe de arredor de seis millóns de euros, desbotada polo seu elevado prezo

Porén, o que sempre estivo sobre a mesa foi a construción dunha incineradora de menor tamaño, para a que Crespo pide "un proxecto viable economicamente", que cumpra "os requisitos técnicos necesarios" e para o que haxa "una ubicación consensuada". Entre os proxectos que se barallaron no pasado estaba algún cun custe de arredor de seis millóns de euros, desbotado polo seu elevado prezo, pero que agora, ante o forte incremento das taxas de Sogama, podería ter máis opcións de ser levado adiante. 

Manifestación contra a incineradora do Irixo CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.