O alcalde de Vimianzo abandona o BNG e aposta pola confluencia

Antelo, xunto a Xavier Vence, en Vimianzo CC-BY-SA BNG

Confirmouse o que era un segredo a voces. Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo, e o seu grupo municipal abandonan o BNG. Anunciouno oficialmente este martes logo de certificar a súa baixa tan só uns días despois da asemblea nacional na que o Bloque rexeitou calquera acordo coas mareas de cara ás autonómicas. A negativa a apostar pola confluencia con ese espazo levaron o rexedor a tomar unha decisión que, en todo caso, cre que "non debe verse como unha liorta nin como unha batalla, senón dentro da normalidade"

Antelo confirma unha baixa que xa se consumara logo da última asemblea nacional do BNG

A confirmación da súa marcha do BNG chega tan só unhas horas despois de que el mesmo presentase o Foro Galego, un espazo que bota a andar o vindeiro 8 de maio e no que se pretende a "concentración parcelaria" do nacionalismo e da esquerda en Galicia e a ampliación da base social e política para unha futura confluencia. "Alégrome que se coñeza agora a miña decisión porque non quero que se mire ao Foro como un pulso interno dentro da formación", explica a Praza Manuel Antelo, que insiste en que deixar o Bloque, onde milita desde hai 33 anos, "non implica guerra nin pelexa ningunha". 

"Non marchamos a outro partido e seguiremos defendendo a estratexia municipal do Bloque no Concello porque coincidimos nela; non debemos dramatizar", insiste Antelo, que asegura que el e o seu grupo son "os nacionalistas de Vimianzo". "Seguiremos sendo 'os do Bloque', ao igual que moita xente segue a identificar a Xosé Manuel Beiras como 'o do Bloque'", explica quen deixou clara a súa intención de que o seu grupo manteña as actas de BNG-Asembleas Abertas. "Ese é un asunto resolto xuridicamente a principios da democracia", di. 

Con todo, Antelo é claro: "Non podo quedar no BNG e non facer caso aos meus veciños e mesmo militantes que están apostando por outra cousa". E fai referencia ao resultado das eleccións xerais, cando En Marea superou con claridade ao Bloque en Vimianzo, onde a formación nacionalista colleitou un mal resultado malia ter vencido por maioría absoluta nas municipais duns meses antes. "Nós apoiamos a candidatura de NÓS pero a xente nosa díxonos claramente que estabamos equivocados", insiste o rexedor, que cre que "o BNG está separándose moito da sociedade". 

"É moi grave que o Bloque non sexa capaz de ler o que pide a xente", di Antelo

"É  moi grave que o Bloque non sexa capaz de ler o que pide a xente", asegura Antelo, que insiste en apostar pola colaboración e a confluencia, "ao modo que xa se ve nos concellos, onde se mostra a unidade de acción da diversidade que forman gobernos e concelleiros nacionalistas, das mareas, de Somos ou de plataformas municipalistas". E abandona a militancia pouco despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurase en que confiaba en que ningún membro da formación acabase "pedindo o voto para outra forza política".

Ademais, o rexedor de Vimianzo insiste en que nin marcha a outro partido nin vai ser "candidato a nada, nin cargo nin parte de candidatura ningunha". Con Foro Galego, explica, el e outros pretenden "crear un espazo de reflexión e cooperación" e, tamén, "reforzar" esa posible confluencia que se artelle a partir das mareas. "Non é un chiringuito para crear outro partido", aclara. "A nosa propia xente é a que nos di que é o momento para derrotar o PP, que podemos ter un presidente nacionalista e que podemos mellorar a experiencia do bipartito", explica. 

A confirmación da baixa do BNG de Manuel Antelo chega despois de que o ex deputado Carlos Aymerich xa a confirmase durante a última asemblea nacional. Ademais, outros cargos e alcaldes do Bloque apuntaron tamén a unha posible marchar, un deles Fernando Suárez, que acadou en Ribadeo uns resultados semellantes aos do rexedor de Vimianzo e que goberna tamén con maioría absoluta logo de superar o 50% dos votos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.