O 'alcalde' do primeiro concello fusionado auméntase o soldo e pasará a cobrar o triplo

Feijóo, flanqueado polos alcaldes de Oza e Cesuras, en Raxoi © Xoán Crespo

A fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras (que deu como resultante o novo municipio Oza-Cesuras) foi empregado como bandeira do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que viu nesta unión un exemplo de "racionalización" e aforro en tempos de crise. O documento que hai agora máis dun ano serviu de base para impulsar a devandita unión sinalaba que en dietas e soldos dos concelleiros, o concello resultante aforraría arredor duns 70.000 euros. Aprobados os orzamentos, o presidente da comisión xestora que goberna a localidade decidiu unha suba no seu soldo, que pasará a cobrar máis do triplo que como rexedor de Oza.

O presidente da comisión xestora que goberna Oza-Cesuras decidiu triplicar o seu soldo

O proxecto de fusión, que pasou por diversos avatares políticos e legais ata ser finalmente aprobado no Consello do 6 de xuño de 2013, deu lugar a unha xestora que goberna o novo concello ata as vindeiras eleccións. Pablo González Cacheiro (PP), antigo alcalde de Oza, lidera esta xestora mentres que o que fora rexedor de Cesuras se retiraba da escena política tras unha condena por estafa ocultada disque para non prexudicar a fusión.

Segundo denuncia agora o PSdeG e antes fixo o BNG, o presidente da comisión xestora de Oza-Cesuras concedeuse a si mesmo un incremento "desproporcionado" do seu soldo, ao pasar dos 1.100 euros aos 4.000 brutos mensuais, incluídas dúas pagas extras. En definitiva, o alcalde pasará a cobrar aproximadamente o triplo do que percibía como rexedor de Oza dos Ríos, algo que xustifica pola súa "produtividade", tal e como argumentou logo de que a corporación municipal aprobase o orzamento deste novo e fusionado concello.

“É unha máis das numerosas mentiras e promesas incumpridas que rodearon o proceso de fusión” entre ambos os dous concellos, denunciou a voceira dos socialistas en Cesuras, Pilar Pedreira, que aclarou que “un dos principais argumentos dos defensores da fusión era o aforro de entre 50.000 e 70.000 euros anuais nos gastos da corporación municipal”. "En Cesuras, nin o alcalde nin ningún membro do goberno local cobraban dedicación, polo que só o novo soldo do presidente da xestora e a media dedicación concedida a unha voceira do PP supera a cantidade total que se orzamentaba en Cesuras para gastos dos órganos de goberno”, engade.

O novo concello gasta 67.000 euros en órganos de goberno cando en Cesuras nin o alcalde nin ningún membro do goberno cobraban dedicación

A oposición censura o gasto de 67.000 euros en órganos de goberno no novo concello e González Cacheiro, ante as críticas de BNG e PSdeG, asegura que "600 euros poden ser moi caros e tres mil moi baratos, depende do traballo que se realice". “Este xesto é a clara escenificación de que os beneficios da fusión non se proxectan sobre os veciños, senón sobre persoas concretas, e parécenos absolutamente desproporcionado e insolidario, nun momento de crise, que a primeira decisión importante que tome este señor sexa subirse o soldo un 254%”, insistiu Pedreira.

A oposición censura que se "venda aforro" e que a primeira decisión do 'alcalde' sexa "subirse o soldo un 254%"

Estefanía Busto (BNG), recentemente nomeada vogal na comisión xestora, denuncia que coa fusión o PP "vendeu un aforro que agora non se percibe". Fíxoo logo de que os populares aprobasen en solitario os primeiros orzamentos de Oza-Cesuras, de 4,3 millóns, uns 900.000 euros máis que as contas dos dous concellos xuntos.

Feijóo, flanqueado polos alcaldes de Oza e Cesuras, en Raxoi © Xoán Crespo
Os alcaldes de Oza e Cesuras, na presentación dunha gardería compartida © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.