O aniversario da chegada de Francisco de Asís a Santiago, de "interese público" para a Xunta

Feijóo, co arcebispo de Santiago, nun acto na Catedral © Xoán Crespo

Un "acontecemento de excepcional interese público". É a consideración que terá o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela en virtude das xestións realizadas pola Xunta ante o Goberno central e tramitadas a través do PP no Congreso dos Deputados. O Goberno galego vén de propiciar que os populares introduzan unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 encamiñada a que esta conmemoración relixiosa poida acollerse á lei de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado o que, na práctica, equivalerá a que as empresas que financien os actos organizados en torno a esta celebración poidan ter beneficios á hora de pagar os seus impostos.

Despois de que, durante o seu primeiro mandato, Feijóo suxerise a posibilidade de organizar un acontecemento semellante ao Xacobeo antes de que chegase o próximo Ano Santo -non cadra ata 2021-, os conservadores semellan decididos a que o acontecemento franciscano actúe como tal. Así, o Goberno central dará o seu visto e prace para que se desenvolva un "programa de apoio a este acontecemento" dende o 1 de xullo de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, aplicando os "máximos" beneficios fiscais que permite a lei.

As empresas que apoien economicamente esta conmemoración relixiosa terán beneficios en tributos como o IRPF ou o Imposto de Sociedades

Nomeadamente, segundo o estipulado na devandita lei, as empresas que realicen "propaganda e publicidade de proxección plurianual que sirvan directamente para a promoción do (...) acontecemento" poderá desgravar o 15% dos gastos á hora de pagaren o Imposto de Sociedades e o IRPF e terán, ademais, certas bonificacións no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou no imposto de sociedades, entre outros. Para todo isto debe crearse un consorcio ou "designar un órgano administrativo que se encargue da execución do programa" de actos "e que certifique a adecuación dos gastos e investimentos aos obxectivos e plans do mesmo".

O carácter relixioso deste aniversario -cuxa celebración ía incluída no programa electoral do PP nas pasadas eleccións autónomicas- quedará marcado non só pola figura homenaxeada, senón tamén polas entidades que estarán por tras dos propios actos. Así, ademais da Xunta e do Goberno central, na organización de "accións culturais e promocionais, conferencias, exposicións intinerantes e concertos de música medieval e/ou clásica" participarán, segundo informa o Executivo galego, "a Orde Franciscana" e a "Custodia de Xerusalén".

Feijóo, co arcebispo de Santiago, nun acto na Catedral © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.