Non sería posible entender a historia da autonomía política de Galicia sen Ourense. De Centristas de Galicia a Coalición Galega, pasando por apelidos que chegaron a alcumar correntes ou fenómenos políticos: o quintanismo, o pachismo e, sobre todo, o baltarismo. O que se presentou ante o mundo como o "cacique bo" asentou e renovou durante dúas décadas unha rede capilar de poder con epicentro na Deputación provincial, sinónimo do PP de Ourense dende que a familia Baltar se coaligou con Manuel Fraga. Por baixo da epiderme do reparto de subvencións en metálico dende maletíns gardados nos maleteiros do coche oficial atopábanse, segundo comeza a dicir a Xustiza, prácticas políticas e laborais tan reiteradas como presuntamente ilegais. Esa praxe foi, supostamente, o combustible que alimentou o congreso provincial dos populares ourensáns, cando Baltar substituíu a Baltar na presidencia do partido como paso previo a facelo na Deputación, dous anos despois.
O batarismo de Manuel é, para os seus detractores, o mesmo que o de José Luis. "Cambiaron o trombón pola guitarra, o palco polo escenario, o lapis e a goma polo iPad e os enterros, polos concertos", resumía este xoves no Parlamento o secretario xeral do PSdeG en Ourense, Raúl Fernández. Facíao como resposta á intervención do fillo de Baltar pai, que acudiu á Cámara na súa quenda -voluntaria- de explicación dos orzamentos do organismo provincial. Todos eses cambios son puras "operacións cosméticas" para adornar o único troco real, o do "fillo polo pai", di. Manuel Baltar tenta "afastarse da herdanza" política do seu proxenitor con "medidas cosméticas, pero na práctica non mudou unha coma", concorda o nacionalista Francisco Jorquera para censurar as práctica reiteradas dunha deputación que "e un monstro que se devora a si mesma", di. A institución, engade Consuelo Martínez, de AGE, "debería estar tutelada".
"Cambiaron o trombón pola guitarra, o lapis polo iPad, os enterros polos concertos"
Pero ante as duras e máis ou menos previsibles críticas opositoras o baltarismo reivindicouse, tanto a través do seu titular como do seu principal valedor no actual grupo do PP no Parlamento, Miguel Santalices. "O que podemos obter" das verbas opositoras é que a Manuel Baltar "témeno politicamente" e "non saben" por onde lle "entrar". Téñenlle "medo político" e teñen "motivos para iso, porque os varre" nas eleccións, motivo que fai dos Baltar "unha especie a conservar", "temible politicamente". Lonxe de velo como o perpetuador dun xeito de política a eliminar -a "vella política", en verbas de membros da dirección estatal do PP-, Santalices presenta a Baltar fillo como un renovador no que xa "aflora o perfil do bo xestor", ademais de como un adaíl da "ourensanía", "feito diferencial que só entendemos os ourensáns" e que, asegura, "nos trouxo moitos problemas" pero "rebaixa a tensión dos localismos".
"Esta é unha especie a conservar, temible politicamente"
Pouco ou nada alteraron ao presidente da Deputación as acusacións de PSdeG, AGE e BNG. El volveu ao Parlamento que vicepresidiu para presentar as súas contas, as que sitúan "o gasto de persoal por primeira vez por baixo do 40%" e preparan o ente provincial para "unha nova etapa, un cambio histórico" que traerá consigo a lei da reforma local, cuxa "filosofía" apoia "no que se refire ás deputacións". Pola banda da oposición non hai máis que "partidismo e sectarismo", actitudes que "non entran dentro da esfera deste presidente nin do grupo que o sustenta". O "goberno autónomo das provincias" representa un futuro no que el encabezará unha "plataforma de servizos para os concellos" e no que os partidos diferentes do PP seguirán a exercer a súa "licenza para difamar, que funciona perfectamente nalgunhas organizacións". "Os que nos dedicamos á res pública estamos para os cidadáns", asegura.