O BNG xunta este sábado o seu Consello Nacional para debater os relatorios nos que se baseará o proceso que culminará, o vindeiro 28 de febreiro, no plenario da décimo quinta Asemblea Nacional da formación. Sobre a mesa do máximo órgano entre asembleas estarán as teses elaboradas pola comisión redactora das teses nas últimas semanas, unha proposta política e organizativa que, tras o proceso de debate e emendas, terá que servir como guieiro da formación frontista no transcendental ano electoral en ámbitos tan sensibles como o funcionameno interno, as apostas estratéxicas ou a política de alianzas.
Palabras como "reseteo", "reformulación" ou mesmo "reinvención" veñen ecoando a respecto dun proceso no que, ao carón destes relatorios, se formularán votos particulares e emendas xa anunciados nos últimos días. O panorama interno é máis matizado e menos binario que noutras ocasións pero, moi probablemente, tamén máis transcendental que en citas anteriores, mesmo máis que na asemblea de Amio, momento clave na historia recente do Bloque, do que agora se cumpren catro anos.
O relatorio proposto pola comisión, composta por case unha vintena de persoas, parte da base de que o BNG afronta, necesariamente, un "novo escenario político" no que "a política se coverteu, en grande medida, nun espectáculo" no que "o acceso aos grandes medios de comunicación é absolutamente determinante". "Son moi poucos actores e sempre os mesmos os que teñen ese privilexio" e entre eles non se atopa o soberanismo galego, salientan.
A comisión redactora indica que "a dureza dos resultados" das xerais "deben chamar a unha profunda e demorada reflexión"
Este é o caso, diagnostican, de Podemos, "forza política lexitimada" en Galicia "por se presentar en coalición cunha forza galega" que "tivo máis facilidades para entrar no electorado nacionalista" que noutras ocasións optara polo BNG. "Certos elementos discursivos e de acción política" do partido de Pablo Iglesias fan que sexa "atractivo para unha parte da nosa bases social e disputan unha parte do noso espazo electoral", salientan, como parte dun panorama no que "a dureza dos resultados das eleccións xerais" para NÓS-Candidatura Galega "deben chamar a unha profunda e demorada reflexión no seo do BNG sobre as causas do continuo devalo electoral".
A 'Iniciativa Máis Alá'
É neste contexto no que o grupo redactor das teses propón o lanzamento da 'Iniciativa Máis Alá', un plan que, recollendo o nome do manifesto vangardista de Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro, tería como obxectivo ser "unha ferramenta participativa para a reformulación e apertura dunha nova etapa no proxecto político do nacionalismo". Trataríase, segundo estes textos, de "recabar opinións" entre a "base social e electoral" do BNG para "analizar" a "percepción social" que suscita e "definir colectivamente as liñas mestras" da nova etapa.
O texto propón un proceso "participativo" para a "reformulación" do proxecto do Bloque que culminaría, dentro dun ano, nunha nova asemblea nacional
O proceso, propón o relatorio, sería lanzado polo novo Consello Nacional e desenvolveríase, como máximo, durante un ano que culminaría nunha nova asemblea nacional. Tería como destinatarias "a todas as persoas que se sintan nacionalistas, soberanistas, independentistas, galeguistas ou simplemente compartan, como galegas, a necesidade de a Galiza ter un instrumento político netamente soberano, sen dependencias de forzas políticas estatais".
Esta, indica, debera ser a base dunha xeira na que o BNG desenvolva un discurso "claro, pedagóxico e actualizado" e "en positivo sobre o nacionalismo" en xeral e o Bloque en particular. A aposta, din, é "crear un discurso disidente e clarificador, sen medos, con propostas e sempre positivo" que incida especialmente na mocidade, toda vez que, indican, o "feble apoio" da xente nova á organización nos últimos procesos electorais é xa "un problema estratéxico".
Política de alianzas
"As alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respectábeis, mais encarnan outro proxecto diferente ao noso"
É, como concorrer a esas eleccións, a comezar por 2016? A tese "entende que debemos garantir unha opción nacionalista e de esquerdas" con "incidencia" e "sen subordinarse a ningunha forza política de ámbito estatal". Cómpre, resaltan, "tirar conclusións" sobre o proceso de procura de alianzas previo ao 20-D e "coidar e cultivar" experiencias como a de NÓS no canto de explorar posibles confluencias con En Marea. "As alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respectábeis, mais encarnan outro proxecto diferente ao noso", conclúen.
Cambios organizativos como a maior apertura á "participación das persoas simpatizantes na vida interna", potenciar a formación ou suprimir a "obrigatoriedade de seren persoas diferentes as que asuman a portavocía nacional e a candidatura á presidencia da Xunta", retornando así ao modelo previo a 2009, inclúense tamén nos relatorios da comisión redactora. Os textos confróntanse este sábado coas emendas e ata tres votos particulares no Consello Nacional e, a continuación, serán debatidos e emendados nas comarcas.