O BNG abre a porta a acordos e aposta por crear "un bloque social" contra a dereita

Guillerme Vázquez, durante a homenaxe a Castelao © BNG

O BNG reclama a creación dun "bloque social" para combater a "política noxenta" da dereita e conseguir así "un cambio de rumbo" en Galicia. "Estamos dispostos a unir forzas con todos os que máis aló das diferenzas coincidan na defensa deste principio irrenunciable para o nacionalismo", asegurou o seu voceiro, Guillerme Vázquez, en referencia ao "dereito a decidir" que defendeu na homenaxe a Castelao coa que a formación deu inicio ao curso político.

O Bloque amósase disposto "a unir forzas máis aló das diferenzas" e sempre que coincidan na defensa "do dereito a decidir"

Vázquez, que abriu a porta a acordos con outras formacións que recoñezan o dereito a autodeterminación, asegurou que, tal e como sostiña o fundador do Partido Galeguista, “a soberanía, rachar coa dependencia é fulcral para Galiza”. As palabras semellante ter un claro destinatario, que non é outro que AGE e as dúas principais patas que conforman a coalición, Esquerda Unida e Anova.

O voceiro nacionalista cre que "sen soberanía non hai democracia nin solución para os principais problemas deste país", pois a soberanía "é precisa para decidir sobre o futuro do leite, para ter unha tarifa eléctrica propia, para garantir a normalización do idioma, para que ninguén de fóra diga onde e canto se pode pescar, para ter un sistema financeiro propio e, en definitiva, para desenvolver as enormes potencialidade que ten Galiza".

Ademais, Guillerme Vázquez reiterou que Galiza está en “emerxencia nacional” e non porque o BNG "teña especial interese en esaxerar ou en ser apocalíptico", aclarou, senón porque “esta é a dura realidade”. Así, advertiu de que a mesma xa non a poden agachar nin as “terminais mediáticas” de Feijóo nin as chamadas deste a acordos imposíbeis “por moito que se envolva de Rosalía no discurso de fin de ano”.

Para o portavoz do BNG non é posíbel “nin acordo, nin comprensión nin silencio” por parte da formación nacionalista ante unha política “salvaxemente agresiva” con Galiza, cuxas consecuencias se poden ver, por exemplo, "nos galopantes datos do paro que se acaban de coñecer, nos despedimentos de traballadores de Novagalicia Banco ou nos milleiros de estafados pola fraude das preferentes que seguen sen unha solución para recuperar os seus aforros".

“Hai que ter cabeza de mosquito e o corazón de pedra -dixo- para teimar en seguir aplicando as mesmas políticas inxustas para a maioría, para gobernar contra o pobo, que é o que fan Feijóo e o PP, gobernar contra o pobo”.

"Estamos en guerra, non hai tregua; ou gañan eles ou gañamos nós", asegura Guillerme Vázquez

Guillerme Vázquez foi máis aló e fixo un chamamento á rebelión e á insumisión como única forma de poder desfacerse da triple dogal do Estado, a Unión Europea e o PP a través da “estúpida austeridade” de Feijóo. “Estamos en guerra, non hai tregua, ou gañan eles ou gañamos nós, de momento van gañando eles. Non hai camiño doado pero hai camiño; a conquista dos dereitos tampouco é doada pero malia que hoxe chovan pedras é posíbel, hai alternativas para ese cambio radical tan necesario que conduza a unha Galiza laica e republicana, con xustiza social e orgullo de seu, a Galiza soberana á que non renunciou Castelao”.

Homenaxe do BNG a Castelao en Rianxo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.