O BNG aclama a Guillerme Vázquez na súa despedida: "Non poderán destruírnos"

Vista do plenario durante a intervención de Vázquez CC-BY-NC-SA BNG

Hai case cinco meses que Guillerme Vázquez anunciou que non recuncaría como portavoz nacional do BNG. "Non son tempos de abandonar", pero "o novo proxecto" do BNG debería estar encabezado por "outra persoa" tras a "reflexión" posterior á derrota electoral, explicaba ante o Consello Nacional apenas unha semana despois dos comicios autonómicos do 21 de outubro. Este domingo Vázquez pronunciou ante a XIV Asemblea Nacional do Bloque a súa última intervención como líder frontista e fíxoo para amosar o seu "orgullo" por pertencer á formación, por "compartir militancia" co resto dos seus membros e tamén por resistir nun ano en que "quixeron facernos saltar polos aires, dende dentro e dende fóra".

As máis de dúas mil persoas que enchen esta mañá o auditorio principal do Palacio de Congresos de Galicia agradeceron en pé o discurso do ata hoxe portavoz dos nacionalistas, que foi fiel ao seu estilo no día do seu adeus, se cadra respondendo á descrición que minutos despois, no debate sobre o informe de xestión e o relatorio, trazou del o ex deputado Bieito Lobeira: "un portavoz nacional con ego cero". "Que se desengane o poder, non poderán destruír o BNG", augurou Vázquez entre apelacións a Castelao e Bóveda. Os dous históricos nacionalistas "nunca traizoaron a Galiza, nós, tampouco". "Que non nos maten os soños", animou, "hai que atreverse a loitar" porque "non sabemos cando, peo si sabemos que: conquistaremos a Galiza soberana, laica e republicana orgullosa da súa lingua e cultura".

Vázquez: "Quixeron facernos saltar polos aires, dende dentro e dende fóra"

Como o propio documento político a debate na asemblea o discurso de Vázquez estivo tamén marcado polo ton soberanista. "A dependencia do Estado español é a nosa ruína", proclamou entre aplausos. Ao seu xuízo, o BNG debe repoñerse "fronte aos que defenden a falsa e nociva idea de que Galiza lle custa cartos a España". "Non necesitamos que nos boten unha man, necesitamos que nola quiten da gorxa" nun contexto no que, ilustra, "choven pedras", pero "ninguén dixo que conquistar os dereitos sexa doado". O pontevedrés subliña que "ninguén dixo que haxa camiño sen tropezo, mais hai camiño". El, di, percorrerao dende o "apoio incondicional, absoluto, á nova dirección e ao novo portavoz nacional" e previa petición de "desculpas por non poder contribuír máis a conseguir un maior apoio social a esta organización". "Foi por falta de habilidades, non por falta de entusiasmo nin de honestidade", afirma.

Vence colle o relevo

A súa condición de membro da comisión redactora dos textos asembleares deu lugar a que a primeira intervención tras a despedida de Guillerme Vázquez fose, precisamente, a de Xavier Vence, o novo portavoz nacional. Dende o recoñecemento ao "entusiasmo" e "gran corazón" do seu antecesor, a poucas horas de coller o temón do Bloque Vence sitúa a XIV Asemblea como o inicio do proceso para "endereitar o rumbo" e "empezar a gañar a maioría social que precisa o noso proxecto". Isto, abonda, ten que suceder nun contexto de crise económica, pero tamén institucional e do propio nacionalismo, a cal "sen, dúbida, debilitou as forzas nacionalistas e o nacionalismo neste país".

Vence pide "non dar espectáculos públicos que debiliten o BNG"

"Ocorreron cousas moi graves dentro do noso espazo" que "contribuíron a poñer de manifesto cal é o nivel de conciencia nacional" en Galicia, "que non é pequena, pero non é tan grande como necesitaríamos". Isto, di, fica demostrado en que "nalgunha militancia tradicional do nacionalismo" os "principios básicos dunha alternativa nacionalista e soberanista fóronse difuminando ata facer posíbel que moita desa xente non tivese problemas para compartir alternativa e estratexia cunha forza estatal", en referencia á alianza de Anova con Esquerda Unida. Neste contexto, o economista coida que "necesitamos levantar a conciencia nacional deste país", cunha defensa da soberanía que "non é ningunha deriva", porque "o BNG leva sendo soberanista dende o seu principio, como leva sendo soberanista o nacionalismo dende a asemblea de Lugo de 1918".

Esa defensa da soberanía, sinala, cómpre que a militancia do Bloque a "vincule á solución dos problemas concretos", cun "programa de pedagoxía na sociedade", compartido "con persoas independentes, organizadas, que fan activismo social e son verdadeiramente soberanistas" para así "artellar un gran movemento multicor". Esta nova implantación social do BNG debe vir aparellada dunhas nova "dinámica de funcionamento interno" que "evite as liortas e as divisións internas", sinalou, entre aplausos. "Non podemos dar espectáculos públicos que debiliten o BNG", ben ao contrario, di, militantes e dirixentes deben "reforzar a imaxe de cohesión verdadeira", que "todos sexamos solidarios coas decisións que se adoptan no BNG".

Un intre do discurso de Vázquez CC-BY-SA Adrián R. Bravo
Vence expón o relatorio político CC-BY-SA @nacholouzao

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.