"A historia me xulgará" ou "teño a inmensa maioría do pobo galego da miña parte". Son algunhas da sentenzas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixou na primeira sesión de control parlamentario tras o inhábil mes de xaneiro, un debate con cambios nas bancadas do hemiciclo e mesmo nunha das portavocías, a do BNG, aínda que sen excesivas mudanzas no argumentario presidencial. Tanto a nacionalista Ana Pontón como o socialista Pachi Vázquez chegaron ao Pazo do Hórreo co descontento pola suba do paro e os recortes sanitarios baixo o brazo e na banda do titular da Xunta atoparon toda unha artillería de atribucións á "herdanza" de Zapatero e do bipartito, así como á situación interna dos grupos da oposición.
Pontón pregúntase onde van os 14.000 empregos prometidos por Feijóo para o plan eólico
A primeira en abrir fogo dialéctico foi a voceira do Bloque. No seu primeiro cara a cara co xefe do Goberno, Pontón optou por unha intervención inzada de datos que gañou en impacto contra ao final. A alusión aos 23.000 fogares galegos sen ingresos, ao descenso do índice de produción industrial nun 7% ou a o parón do sector eólico derivado da fin das primas estatais ao sector semellou non callar no presidente. Ben ao contrario, Feijóo fiou unha intervención con afirmacións xa reiteradas por el mesmo tanto no Parlamento como noutros foros: "se España tivese a mesma taxa de paro que Galicia, habería un millón menos de parados" ou a situación económica de España é "pésima" por mor "da política do PSOE", da que o BNG "foi cómplice", insiste. Ademais, e á marxe das trabas legais impostas polo Goberno central, o presidente insiste en que o seu plan eólico "vai seguir creando 14.000 empregos cun investimento de 6.000 millóns de euros". "Se hoxe lle aplicásemos a reforma laboral do PP, poderíamos despedilo", resumiu Pontón.
Tampouco o secretario xeral do PSdeG logrou apartar a Feijóo do seu argumentario habitual, que só abandonou para tentar pescar no río revolto do proceso congresual dos socialistas galegos. Vázquez, armado con enquisas e titulares de prensa que, nos últimos días, reflectiron os recortes da Xunta, apelou o líder conservador a non seguir tentando "tapar coa man o sol da verdade de Galicia". "Vai gobernar dunha vez este país?", cuestionou. "Non lle vou lembrar o que poñen os medios de comunicación sobre o seu partido", deu en respostar o presidente quen, ademais, lle puxo deberes ao socialista: "dicía que tiña unha proposta para crear 20.000 postos de traballo, levo 55 días esperando".
Feijóo: "Pasarei á historia como un defensor da sanidade pública"
En opinión de Pachi Vázquez, Feijóo pasará á historia como o primeiro presidente "co que cada ano co que os galegos viven peor" sen dicir no Parlamento o que "di por fóra", como que "non estaría mal cobrar a comida e as duchas" nos hospitais ou que" un señor ou unha señora que cobra 532,21 euros ten que copagar o 10%" dos servizos sociais. "Non diga aquí unha cousa e cando sae fóra se esconde por baixo da alfombra. Xa que vostede non ten solucións, nós si as temos", asegura Vázquez, quen, ademais, asegura sentirse "moi orgulloso" da situación do seu partido, no que "non se herdan nin as deputacións nin os partidos".
Vázquez: "Vostede di que non estaría mal cobrar a comida nos hospitais"
Non entrou tampouco o presidente na alusión socialista á Deputación de Ourense. "Non vou entrar na política de familiares", di Feijóo, recuperando ao tempo un dos clásicos das sesións de control; o PP, reitera, "só goberna cando gaña e outros gobernan despois de perder". Á marxe diso, o titular da Xunta está convencido de que será lembrado como "un defensor da sanidade pública do meu país" que deixou "blindados os servizos públicos". E iso farao, di, malia herdar a "peor situación económica da nosa historia" e tamén malia a que "nos deixaron sen caixas de aforro", xa que a fin de Novacaixagalicia tamén é, ao seu xuízo, responsabilidade socialista.