O BNG alerta de que "quen vai pagar a reforma dos concellos serán as familias"

Jabares explica a posición do BNG sobre a lei CC-BY-SA Praza Pública

"Quen vai pagar a reforma non van ser os soldos dos políticos, van ser as familias". Deste xeito resume o BNG os efectos que, ao seu xuízo, terá a aplicación da lei de racionalización e sostitiblidade da Administración local que está a preparar o Goberno central. A tenente de alcalde de Culleredo, Raquel Jabares, exerceu este mércores de voceira dos cargos municipais do Bloque xunto aos rexedores de Allariz e Pontevedra para expresar as cautelas da formación frontista cara á nova normtaiva. O gabinete de Mariano Rajoy, alertan, quere "aforrar a costa de eliminar postos de traballo" nos consistorios e facer o propio con diversos servizos que, subliña Lores, cando non os poidan prestar os concellos ou ben non os prestará "ninguén" ou serán postos en mans de empresas privadas.

"Políticas de mocidade, normalización lingüística, axuda a domicilio", pero tamén "axudas de emerxencia social", que implican ata "pagar recibos" de persoas sen recursos, ou servizos de "información á muller", que adoitan xogar un papel relevante na loita contra a violencia de xénero. Todas estas, explica Jabares, son políticas municipais que pasarán a ser consideradas competencias impropias dos concellos e que, polo tanto, os gobernos locais terán "prohibido" desenvolver co plan impulsado polo departamento que dirixe Cristóbal Montoro. 

Ademais de implicar unha mingua nos servizos públicos os nacionalistas coidan tamén que, no caso de ser aprobado, o proxecto traerá consigo tamén un "retroceso democrático", di Lores, toda vez que se "incrementan as competencias deas deputacións" e das secretarías e intervencións municipais, que pasan a depender directamente do Estado. Por este motivo, explica Francisco García, "esta reforma avanza na recentralización" e pasa por riba das competencias de Galicia e de características "diferenciais" do país vinculadas ao asentamento poboacional. A reforma, di o alcalde de Allariz, faise "sen contar cos concellos, imponse", e virá dar lugar a unha "administración vertical sen marxe de manobra" para "proxectos alternativos" ás políticas do Goberno central.

O Bloque salienta que os concellos poden ter "prohibido" prestar servizos como información á muller, normalización lingüística ou axudas de emerxencia social

Neste contexto o Bloque tampouco alberga "ningunha esperanza" a respecto das alegacións que, segundo anunciou Alberto Núñez Feijóo, vai enviar a Xunta para tentar modificar o proxecto lexislativo. Esta ausencia de confianza no Goberno galego, explica García, susténtase en que este proxecto plasma, cando menos parcialmente, políticas que xa está a desenvolver a propia Xunta en ámbitos como a "potenciación das Deputacións", ás que se lle encomenda a xestión dos servizos sociais municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes "mentres se recorta o plan concertado", isto é, os fondos para que sexan os gobernos locais quen proporcione esta asistencia. "Levamos anos escoitando a Feijóo como un campión", ironiza Lores, en cuxa opinión o presidente di que "vai facer algo" porque "ten revolucionada toda a súa base social", especialmente os alcaldes e alcaldesas do PP.

O BNG plasmará estas reivindicacións nunha "campaña de denuncia" que comezará a desenvolver de inmediato e que, detallan, incluirá iniciativas nos concellos, no Parlamento e no Congreso dos Deputados. Ademais, sinala García, a formación nacionalista organizará asembleas, debates e encontros coa veciñanza para "informala" das consecuencias da nova lei.

Jabares explica a posición do BNG sobre a lei CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.