O BNG aposta por EH-Bildu e as CUP para estar na Eurocámara

Consello Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Desvelouse a incógnita. Despois de que o cambio de rumbo de Esquerra Republicana de Catalunya mudase os plans iniciais o BNG xa ten roteiro para tentar volver sentar no Parlamento Europeo. O Consello Nacional do Bloque aprobou este sábado a aposta da formación frontista para as eleccións de maio, unha proposta que agora terá que ratificar a militancia e que segue a ter unha pata galega, outra vasca e outra catalá. Se os e as militantes o apoian, o BNG irá aos comicios en coalición con EH-Bildu e a Candidatura d'Unitat Popular, a CUP

Nun proceso que, en verbas do portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, "empeza nas bases e remata nas bases", o máximo organo da organización entre asembleas considera esta alianza como a mellor opción para "garantir que Galiza acade unha voz forte en Europa para a defensa dos seus intereses de país e para a construción doutro modelo de Europa, social e dos pobs". Estes principios serán os que defenderá unha candidatura que pola banda galega terá a Ana Miranda como cabeza de cartel, seguida por Xosé Manuel Carril e Olaia Rodil.

Bieito Lobeira encabeza a comisión electoral do BNG

Activistas contra a estafa das preferentes como Xesús Domínguez e Xulio Vicente ou rostros coñecidos do mundo da cultura como Suso de Toro e Isabel Risco forman parte tamén dunha lista que pecha simbolicamente o propio Vence e que desenvolverá unha estratexia electoral dirixida polo secretario de organización, Bieito Lobeira. A eles e elas corresponderalles desenvolver un programa electoral que parte da base da necesidade de "rachar co papel dependente do noso país" a respecto "do Estado español, tamén ante as institucións comunitarias".

Sobre Anova, Vence asegura que o convite do Bloque "segue enriba da mesa"

Nesta liña, explica o líder nacionalista, os candidatos e candidatas á Eurocámara defenderán "o galego como lingua oficial" na UE e "proporán a xestión directa por Galiza de todos os fondos que lle correspondan", ademais de apostar pola influencia directa do Goberno galego "na elaboración de políticas vinculantes que afecten aos seus sectores produtivos". Trátase, di Vence, de que o Bloque sexa unha "forza útil para Galiza en Europa" e, ao tempo, de "axustar contas coa troika e coas forzas políticas que aplican as súas consignas".

Coa política de alianzas encarreirada Vence asegura que, de cara ao propio país, a porta do BNG segue aberta para Anova. "A proposta que o BNG fixo desde o principio segue enriba da mesa", afirma, nun escenario no que a formación frontista está "pendente" de que a organización que encabeza Xosé Manel Beiras "decida cales son os seus aliados de cara ás eleccións europeas". 

Consello Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.