O BNG asenta as súas pontes con ERC e Amaiur

Pérez, Bosch, Vence e Iñárritu, no inicio do acto CC-BY-NC-SA BNG

Aínda non toca pero as lonxitudes de onda son moi semellantes. O BNG, Esquerra Republicana de Catalunya e Amaiur culminaron este mércores en Santiago a rolda de presentación da súa iniciativa a prol do dereito de autodeterminación, que naceu como proposición de lei e rematou en proposición non de lei polo veto da Mesa do Congreso dos Deputados, e o encontro serviu tamén, voluntaria ou involuntariamente, para poñer en escena a boa sintonía entre as tres formacións. Coas eleccións europeas no horizonte o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, subliña que as posibles coalicións forman parte "doutra axenda e doutra ocasión", pero non deixa pasar que "temos que xogar en común todos os nacionalistas e soberanistas europeos".

"Todo o que sexa sumar sen renunciar, nós ímolo impulsar e imos estar aí, dándolle forza a calquera coalición que poida favorecer a xustiza social e o dereito de autodeterminación", di o parlamentario de ERC Alfred Bosch. "A min pareceríame estupendo, Amaiur nace do principio de que a unión fai a forza e as forzas que estamos aquí representadas xa fomos hai catro anos ás europeas, o natural e lóxico é que se poida repetir un escenario similar", di Jon Iñárritu. Pero a cuestión do acto en Compostela era "un proxecto de enorme alcance", di Vence, "unha proposta para que o estado español se democratice recoñecendo o dereito de libre determinación dos pobos".

Vence apela a "non gastar as últimas enerxías en buscar o aplauso dos españois"

Ante boa parte da dirección do Bloque e diversos cargos institucionais da formación frontista Vence explica que a participación nesta iniciativa nace da vontade de ser "un pobo libre e sen intermediarios". "Fronte aos que teñen a tentación de abandonar a bandeira propia e engancharse á ensoñación tricolor", sinala nunha mensaxe que ten moito de clave intranacionalista, o Bloque vai seguir apostando por "unir todo o nacionalismo en alianza". Porque o BNG non naceu "para resistir", senón para "gañar" e "non gastar as últimas enerxías en buscar o aplauso dos españois". Sobre esta base, explica, a proposición que as tres formacións defenden no Congreso "nace da constatación do esgotamento da vía autonomista". "O desenlace non pode ser outro que a ruptura democrática das nacións sen estado" nun contexto de "crise institucional" que non é só "da monarquía borbónica".

Iñárritu e Bosch ven positivas as "alianzas", con independencia dos "ritmos" de "cada nación"

"É a crise dun modelo de estado inservíbel" na que  BNG quere "máis Parlamento e máis democracia", di Vence, para quen a autodeterminación é a vía para facerlle fronte "aos embates dos todopoderosos e libérrimos mercados". Dadas as circunstancias, o líder do Bloque augura que o avance nesta liña "terá que ser unilateral", dado o "choque frontal entre as aspiracións soberanistas en alza" e a "indisimulada vontade do centralismo madrileño, español". De unilateralidade fala tamén Iñárritu "se non quedan outras vías", xa que "queremos negociar de boa fe co Estado", pero este debe "ter claro que a cidadanía vasca non renunciará nin á liberdade nin á democracia". Dende Esquerra, Bosch advirte de que "non imos contra ninguén" senón "a favor de todos". "Mesmo estamos traballando para o pobo español", tentando mellorar "as súas calidades democrática, económica e social". "Porque se temos algún rival non é outro pobo ou nación, senón o poder abusivo que rexe o destino desa nación e doutras capturadas no Reino de España".

Neste contexto, tanto ERC e Amaiur amosan prudencia a respecto da posibilidades que a vía soberanista ten de callar en Galicia. "Cada nación ten ritmos diferentes, temos peculiaridades diferentes", di Iñárritu". "O proceso de autodeterminación en Galiza está uns graos por riba de Catalunya en latitude e uns graos por baixo en lonxitude", ironiza Bosch, quen coida que "a alianza é boa porque nso dá fortaleza e máis peso", ademais da posibilidade de "avanzar en forma de relevos, cortando o vento a quen lle corresponda" en cada momento. "É básico que nos devolvamos as fortalezas entre os distintos pobos que estamos loitando pola nosa liberdade", conclúe.

Pérez, Bosch, Vence e Iñárritu, no inicio do acto CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.