O 18 de novembro de 1918 os persoeiros das Irmandades da Fala xuntáronse en Lugo para falaren de política. Dous anos despois do seu nacemento como colectivo centrado na defensa da lingua e da identidade galega o movemento reuniuse en "asambleia magna" e chamouse a si mesmo "nazonalista", articulando un primeiro programa político sintetizado no seu histórico manifesto. Cen anos despois daquel histórico evento, celebrado entre o Teatro Lugo Salón e o hotel Méndez Núñez da cidade da Muralla, o BNG vén de lanzar unha campaña para celebrar a vixencia daquela "acta fundacional do nacionalismo galego" baixo o lema Somos unha nación.
Pontón: "Superaron o rexionalismo e asumiron que Galiza é unha nación dentro dun Estado plurinacional"
Unha acuarela de Leandro Lamas con representación de reivindicacións históricas e actuais do movemento soberanista é a imaxe coa que o Bloque pretende representar "o nacionalismo como un proxecto colectivo que arrinca nas Irmandades da Fala e continúa hoxe" na formación actualmente encabezada por Ana Pontón, din. "É unha campaña en positivo, para reivindicar a Galiza como nación fronte á involución democrática" e tamén para lembrar "o punto de inflexión" que trouxeron consigo a asemblea e o Manifesto de Lugo. "Superaron o rexionalismo e asumen que Galiza é unha nación dentro dun Estado plurinacional", resume Pontón.
Fragmento do manuscrito do Manifesto de Lugo
O acto central da campaña do Bloque polo centenario do Manifesto celébrase en Lugo este 17 de novembro na porta do Bispo Aguirre, fronte á que se atopaba o desaparecido teatro Lugo Salón, unha das sedes da asemblea
O acto central da campaña do BNG ao fío deste centenario celebrase este sábado, 17 de novembro, nas inmediacións da porta do Bispo Aguirre da Muralla lucense, fronte á que se atopaba o desaparecido Lugo Salón. Alí, segundo Pontón, o Bloque deixará claro "que existe unha alternativa sólida á dependencia do Estado que o PP reserva para Galiza". Esa alternativa, mantén, é "un movemento nacionalista forte" que "alén de conxunturas puntuais" ten "vertente sindical, cultural, socail e pegada política con influencia máis alá das citas electorais", resalta. Non en van, ao seu xuízo, o Bloque segue a ter "un papel determinante" nos "debates políticos do país", caso da transferencia da AP-9 ou do debate enerxético, exemplifica.
Dende a "defensa de Galiza como nación" como "mellor alternativa para solucionar os nosos problemas" o BNG sinala que a campaña polo centenario do Manifesto de Lugo "celebra un feito histórico, pero mira cara ao futuro", en verbas de Xavier Campos, responsable de Comunicación da formación frontista. As accións ligadas á campaña "destacan non só a plena vixencia, senón a absoluta necesidade do nacionalismo no contexto actual para construír un país mellor". Así o farán, avanza, co acto de Lugo o día 17, pero tamén noutros eventos en vilas e cidades, coa divulgación de montaxes audiovisuais e contidos nas redes sociais.