O BNG celebrará a Asemblea Nacional da "reorientación" o 17 de marzo

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

A cita para a "reorientación" xa ten data. O BNG vén de anunciar publicamente a decisión adoptada polo seu Consello Nacional o pasado sábado: fixar para o vindeiro 17 de marzo a culminación da reflexión interna aberta na formación tras a derrota electoral do 21-O. O cónclave, aberto ao conxunto da militancia -que se terá que inscribir previamente- terá a responsabilidade de renovar ideario pero tamén liderado, toda vez que o actual portavoz nacional, Guillerme Vázquez, xa anunciou a súa intención de non optar á reelección.

Ante o Consello Nacional Vázquez xa avanzou que a intención fundamental da formación frontista é saír da asemblea co traballo de "reorientación política" feito. Trátase, di o nacionalista, de "adaptar a nosa liña política á nova realidade da crise económica e social que estamos a padecer" e de "ofrecerlle ao pobo galego un proxecto político útil para camiñar cara a unha Galiza democrática, soberana e con xustiza social". Para todo isto, di, cómpre que o Bloque "recupere a confianza da sociedade galega".

A dirección nacionalista subliña que o proceso asemblear se veu desenvolvendo "sen límites previos" e "de abaixo a arriba"

Dende a dirección nacionalista subliñan que o proceso asemblear veuse desenvolvendo "sen límites previos" e "de abaixo a arriba", con debates comarcais "onde xurdiron as primeiras reflexións, que se transformaron nun documento aberto que se volveu debater nunha segunda fase nas asembleas comarcais". Ademais, ese mesmo documento e o proceso de reflexión en xeral "abríronse ao conxunto da sociedade galega a través da iniciativa "propón connosco", un espazo na web do BNG para recibir achegas da cidadanía.

Este será o contexto no que a militancia do Bloque acuda a unha cita asemblearia que previsiblemente se celebrará en Compostela e de cara á que, ao contrario que noutras ocasións, non hai moitos nomes sobre a mesa. Así, no entorno da formación considérase que unha das vías máis probables é que a portavocía nacional recaia no actual voceiro parlamentario, Francisco Jorquera. Tamén se prevé que sigan a ter un papel relevante dirixentes como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou o vicevoceiro parlamentario e líder da corrente interna Abrente, Carlos Aymerich.

Militantes do BNG votando na XIII Asemblea Nacional da formación CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.