O BNG compromete a parálise "definitiva" da Cidade da Cultura

Jorquera, nun intre do acto sobre cultura CC-BY-SA Praza Pública

O frío do outono chegou de súpeto a Compostela na noite do venres, cunha néboa e unha xeada que deixou o frío o termómetro boa parte da mañá do sábado. O BNG prevera un acto a pé de rúa, en plena praza do Toural, e o seu candidato á Xunta, Francisco Jorquera, comezou a súa intervención advertindo de que, en caso de tremer, esta reacción física non estaba en absoluto relacionada co panorama electoral, senón por estar un chisco aterecido. "A cousa vai ben", explica o nacionalista, convencido de que "se o 21 de outubro a xente vai votar", en Galicia haberá "un cambio real", tamén no eido cultural, a comezar por unha das patacas quentes neste ámbito, a Cidade da Cultura. Sobre o complexo do Gaiás Jorquera non ten dúbidas: se o Bloque goberna, "paralizará definitivamente" as obras do complexo.

E, unha vez paralizada, que? O candidato nacionalista fixa a "prioridade" de darlle un uso "rendible", economicamente pero tamén "socialmente", aos edificios de Peter Einsenman e, para iso, define algunhas liñas mestras. Se do BNG depende o actual arquivo volverá ser o "Arquivo Nacional" galego e para el procurarase a transferencia de fondos documentais depositados noutros puntos do Estado, como no Arquivo de Alcalá de Henares. No museo, actualmente ocupado por unha exposición permanente, Jorquera proponse instalar o "Museo Nacional da Historia" e incluír nel ademais "unha pinacoteca nacional". Entre os seus fondos, explica, estarían tamén os fondos artísticos das antigas caixas, "que corremos o risco de perder" porque "poden ser valorados como activos de Novagalicia Banco" se esta entidade remata en mans dun banco foráneo. "Recuperalos é unha prioridade", di.

Jorquera censura a "cegueira sectaria" de Feijóo, "que leva tres anos practicando o que Wert defende para Catalunya"

Jorquera lanzaba estes compromisos, micrófono en man e a pé de rúa, nun acto que tivo vocación coral e no que o Bloque apostou por contrastar os seus plans culturais cos do Goberno do PP, cun Feijóo que "leva tres anos practicando no noso país" o que o ministro de Educación, José Ignacio Wert, "defende para Catalunya", di o candidato, en referencia á intención de "españolizar" o alumnado catalán. Neste escenario, ás explicacións do nacionalista sobre os potenciais sociais, pero tamén económicos da cultura, atenderon representantes do sector como o escritor Suso de Toro, a profesora Pilar García Negro, o director de cinema Enrique Otero, o actor Luís Iglesia ou o cantante Roberto Sobrado, entre outros. Para Jorquera "a cegueira sectaria" de Feijóo "levouno a atacar" non só a cultura como elemento de "identidade", senón tamén "de riqueza" desprezando, por exemplo, di, a "extraordinaria ventá de oportunidades" que supoñen para Galicia os "250 millóns de persoas" que conforman "o sistema lingüístico galego-portugués". "Para o BNG a cultura vai ser un sector estratéxico", garante.

Pola banda do sector voces como a de Manuel González concretaron as peticións de cambio de rumbo. O que fora director da Axencia Audiovisual Galega ata 2009 lamentou que o Goberno do PP "desfixese todo o feito, sen compaixón e sen corazón" e sen nin sequera "substituílo por algo alternativo". A actual Xunta, afirma, tamén di que a cultura "é un sector estratéxico, pero sen estratexia". Por iso fai seu o lema do Bloque adaptado ao seu oficio: "gobernemos nós o noso audiovisual", anima. Dende a bancada de convidados tomou a palabra Suso de Toro para, en certo xeito, reclamar maior contundencia pola banda dos candidatos á hora de, por exemplo, defender a lingua galega. "Calquera militante da democracia ten a obriga de defender a lingua", di o escritor, que reivindica ademais a "autoridade moral" para "criticar ao presidente interino -en referencia a Feijóo- que está a traizoar o seu cargo". O líder popular, censura, é "un traidor á nosa lingua e penso que os candidatos o debiades dicir". "Efectivamente, é un traidor á lingua e a Galiza", recolleu Jorquera, acrecentando que o "sectarismo" de Feijóo chegou a "tal extremo" que a Consellería de Educación "censurou un libro de texto por recoller" o artigo 5.1 do Estatuto, no que se detalla que o galego "é a lingua propia" do país.

Jorquera, nun intre do acto sobre cultura CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.