O BNG contrapón unha reforma electoral "democrática" ao recorte de escanos do PP

Francisco Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

"Que a porcentaxe de voto acadada por cada forza política nas urnas teña a súa correspondencia coa porcentaxe de escanos no Parlamento". Este é un dos piares da proposta de reforma da Lei de Eleccións que o BNG vén de rexistrar no Parlamento para contrapoñela ao plan co que o PP pretende modificar a mesma norma, incluíndo nos cambios un recorte de escanos, dos actuais 75 a 61. O BNG "non ten vontade de ir por libre" e por iso a súa vontade "non é dar trámite e defender no Parlamento esta proposta de inmediato", sinala o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera, quen non obstante advirte de que, se os conservadores "non rectifican" e seguen adiante co seu proxecto, "fronte a esa proposta vai haber outra, a do BNG, que pretende avanzar cara a unha radicalización democrática".

A iniciativa do Bloque aposta por desbotar a Lei d'Hondt e substituíla por un sistema proporcional puro. Así, xunto a esa correspondencia entre votos e escanos estipularíase que o reparto de deputados e deputadas entre as catro circunscricións "sexa proporcional á súa poboación" e que, ademais, "non se esixa unha porcentaxe mínima para que haxa plena correspondencia entre o que votan os cidadadáns e a representación parlamentaria". Esta segunda modificación permitiría a entrada de moitas máis forzas políticas no Parlamento, toda vez que non ficarían desbotadas no reparto aquelas que non chegasen á actual barreira do 5%.

O Bloque propón fixar por lei entrevistas e debates electorais nos medios de comunicación públicos

Ademais do procedemento de elección, o BNG propón tamén modificar a normativa vixente no que atinxe á celebración dos debates e á información electoral nos medios públicos de comunicación. Así, na súa proposta, establecen que "durante a campaña electoral" as forzas políticas que concorran "terán dereito a entrevistas nos horarios de maior audiencia" e "a estes efectos" os medios públicos "deberán reservar o tempo necesario na súa programación (...) para entrevistar o candidato ou candidata que designe" cada formación "por un tempo non inferior a 20 minutos e garantindo a máxima igualdade no tempo asignado a cada entrevistado". 

Do mesmo xeito, de saír adiante esta iniciativa, sería obrigatorio por lei a celebración, "como mínimo", "dun debate electoral entre os partidos, federacións, coalicións ou agrupacións que concorran ás eleccións" e emitilo "en horario de máxima audiencia". "Ademais -di a proposta- poderán promover debates específicos entre candidatos e candidatas que designen as forzas que obtiveran representación parlamentaria nas anteriores eleccións equivalentes". "No caso das candidaturas que non estean presentes nos mesmos, terán dereito a tempos adicionais de compensación nas entrevistas ou espazos electorais gratuítos programados durante a campaña electoral", conclúe.

 

Francisco Jorquera, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.