O BNG cre que o PP dá "motivos engadidos a Galiza" para avanzar na soberanía

Foto de familia da asemblea da ALE © Xan Muras

"As vindeiras eleccións europeas son o momento no que os pobos de Europa poden expresar que queren tomar nas súas mans os instrumentos para gobernarse, as ferramentas para camiñar na dirección que nos permitan ser donos dos nosos destinos, que nos permitan manter a nosa economía produtiva, crear emprego e paraticipar directamente na construción doutra Europa". O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, situou así os comicios para a Eurocámara do vindeiro 25 de maio como un momento clave para Galicia e outras moitas nacións sen Estado da UE.

Fíxoo na celebración da XII Asemblea Xeral da Alianza Libre Europea (ALE), que organiza o Bloque, e ante os responsables políticas das 40 organizacións que a integran. Nun cónclave, que se celebra baixo o lema Tempo de Autodeterminación, Vence lembrou que 16 nacións europeas acadaron a súa total soberanía nos últimos anos e lembrou que as formacións que se reúnen en Compostela aspiran "a formar parte desa corrente e estar en Europa con soberanía plena para poder formar parte dunha UE libre, democrática, xusta, de cohesión e que realmente sexa a casa común de todos os pobos europeos".

Vence cre que a autodeterminación non só é unha aspiración democrática, senón útil pola súa "funcionalidade"

Xavier Vence cre que a autodeterminación non só é unha aspiración democrática, senón tamén unha aspiración útil pola súa "funcionalidade". "A soberanía de Galiza, Euskadi ou Catalunya é tamén un camiño de simplificación dos absurdos cinco niveis administrativos do Estado español, que son fonte de ineficiencia e de gasto innecesario, que deben ser suprimidos", dixo. "Unha forma de facelo é a través da presenza directa dos nosos países na UE", engadiu.

Pero ademais, o BNG cre que "Galiza ten motivos engadidos para avanzar no seu antegoberno", que non son outros que a "recentralización e xibarización das propias institucións" que está a facer o PP desde o Goberno da Xunta e do Estado. "Debilita a democracia aproveitando o control da Cámara para perpetrar un auténtico atentado contra a calidade da nosa democracia. Por iso temos motivos engadidos para aspirar a autogobernarnos", dixo.

Vence destacou tamén a importancia da asemblea de ALE polas vindeiras eleccións europeas e os referentdos de independencia de Escocia e Cataluña. Tamén incidiu nas aspiracións de Bloque, ERC, o Partido Nacionalista Escocés e o resto de organizacións integradas en ALE, "motivadas pola necesidade imperiosa de participar sen intermediarios no marco europeo e defender con voz directa en Bruxelas os intereses e o benestar da nosa cidadanía". Do mesmo xeito, destacou as "nefastas consecuencias da falta de soberanía fronte aos mercados globais e aos grandes poderes económicos no marco desta crise global".

O Bloque destaca "as nefastas consecuencias da falta de soberanía fronte aos mercados globais e aos grandes poderes económicos"

Por outra banda, Vence asegurou que "non hai absolutamente discrepancia ningunha" no Bloque para concorrer en coalición con EH-Bildu aos comicios europeos, senón "un proceso interno de valoración das opcións que se teñen para concorrer ás eleccións" no marco dun debate en asembleas comarcais. Aclarouno así logo de que o colectivo Abrente, que lidera o ex parlamentario Carlos Aymerich, defendese que o Bloque debería "promover unha candidatura galega aberta" e que ir xunto a esquerda abertzale "non avanza nese camiño, senón que consolida a imax de división e confrontación entre nacionalistas".

Vence di que non hai "discrepancia ningunha" no BNG sobre a coalición con Bildu tras as críticas de Abrente

A asemblea de ALE continuará este sábado con máis intervencións dos numerosos convidados. As 40 organizacións da ALE representan "a diversidade nacional, lingüística e a loita polos dereitos dos pobos na Eurocámara", entre eles Aralar, EA, ERC, Bloc Nacionalista Valenciá, PSM-Entesa, Nova Canarias e do Partido Andalucista, dentro do Estado español. Partido Nacionalista Escocés (SNP), Partido Nacionalista de Flandes (N-VA), e do Partido de Gales (Plaid Cyrum) entre outros, ata un total de 150 representantes que se dan cita en Compostela.

Xavier Vence intervén na asemblea da ALE © Xan Muras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.