O BNG critica a “patraña da descentralización" e pide soberanía “para mellorar a vida das persoas"

Acto do BNG no 40 aniversario da Constitución © BNG

Coincidindo co 40 aniversario do referendo que aprobou a Constitución de 1978, o BNG levou a cabo un acto político na Praza do Obradoiro. Ducias de voluntarios e voluntarias compuxeron a frase "Galiza Nación" no centro da praza, ao tempo que outros portaban unha gran bandeira nacionalista. O Bloque reclamou "un novo status político" para Galicia que a recoñeza "como nación", reclamando cambiar o “centro de gravidade” para deixar atrás "un centralismo que xera dependencia" e avanzar así cara á soberanía.

"Esta é a Constitución dos herdeiros do franquismo reconvertidos a demócratas", subliñou Pontón

Ana Pontón, portavoz nacional da formación, criticou o que denominou “patraña da descentralización", que puxo en dúbida “cando desde Madrid recadan os impostos, deciden sobre a nosa costa, os nosos portos, os aeroporto, a enerxía, o río Miño, a AP-9, o tráfico, a seguridade, a xustiza, a planificación económica ou os dereitos?”.

A portavoz nacional do BNG cuestionouse “en que se diferencia Vox das FAES?”

“Por moitas toneladas de propaganda que fagan, a conclusión é clara: A constitución non serviu para solucionar os problemas de Galiza”, afirmou Pontón, que defendeu que "ese marco constitucional fixo que Galiza perdese poboación e riqueza, mandou a milleiros de mozos e mozas á emigración, non serviu para evitar a precariedade laboral,  nin que os maiores soporten as segundas pensións máis baixas do Estado e consagra a discriminación do idioma propio". "Esta é a Constitución dos herdeiros do franquismo reconvertidos a demócratas", subliñou Pontón

A portavoz nacional do BNG cuestionouse “en que se diferencia Vox das FAES?”. “Acaso non leva anos na axenda da dereita máis centralismo, ilegalizar ideas políticas, atacar a igualdade de xénero, cuestionar os dereitos LGBTI ou os ataques á lingua galega?”, preguntouse.

O BNG reclama "un novo status que nos recoñeza como nación e nos dea novas ferramentas, soberanía para mellorar a vida das persoas"

“As solucións os problemas de Galiza,  das maiorías sociais non van vir do centro do sistema, é suicida fortalecer o centralismo. Temos que ser as nacións sen estado que abramos unha fenda democrática a favor da igualdade, da xustiza e dos dereitos. Galiza precisa máis que nunca o nacionalismo emancipador que significa o BNG", concluíu Pontón, que reclamou "un novo status político para Galiza, un novo status que nos recoñeza como nación e nos dea novas ferramentas, soberanía para mellorar a vida das persoas e facer que o país avance e progrese”.

Acto do BNG na Praza do Obradoiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.