O BNG de Teo non gobernará con Noriega, pero non tentará desaloxalo da alcaldía

Noriega, no seu despacho da Casa do Concello de Teo Dominio Público Praza Pública

Novo capítulo no conflito aberto no Concello de Teo tras a decisión do Encontro Irmandiño de marchar do BNG. Menos de vinte e catro horas despois de que a secretaria de organización frontista, Montse Prado, lle remitise unha carta ao alcalde do municipio, o 'irmandiño' Martiño Noriega, instándoo a deixar a súa acta de concelleiro, a asemblea local da formación secundou onte esa esixencia e clarificou un chisco máis cal será a súa posición no caso de que, tal e como todo semella indicar, esa renuncia non se produza. Non gobernarán con Noriega, pero non favorecerán que outro partido acceda ao bastón de mando.

Nun contexto no que, dos nove concelleiros elixidos polo BNG nas eleccións, seis secundan a escisión, un sétimo manifestou apoiar a Noriega -agardando para decidir se marchar ou non do Bloque en función das decisións da dirección nacionalista-, e dous quedaron no BNG, a asemblea local sinala que, no caso de que os edís "non renuncien ás actas, o BNG non participará do goberno municipal". Na súa opinión, "non se dan as condicións para compartir proxecto con quen despreza o BNG" e "pecha filas arredor do alcalde" para "debilitar" a formación que encabeza Guillerme Vázquez. "Foi a súa obsesión estes días e iso é o que significa a súa unidade de acción", aseguran.

"Non sabemos con que proxecto se gobernaría Teo no caso de que non fose o BNG quen formara o goberno, pero si sabemos que non respondería ao que decidiu colectivamente o mesmo BNG que acadou maioría absoluta nas eleccións", detallan. Así e todo, o Bloque teense advirte tamén de que non facilitarán o acceso doutra formación política á alcaldía. "Non imos promover nin apoiar un cambio de goberno local. No que dependa do BNG, esta situación non vai ser ningunha oportunidade para o Partido Popular e a nosa actuación institucional seguirá sendo coherente e construtiva”, conclúen.

Noriega recibe o bastón de mando ao ser reelixido alcalde de Teo CC-BY-SA Concello de Teo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.