"O BNG debe fomentar a unidade de acción; o poder que nos esmaga fai necesarios moitos esforzos"

Rodas, na súa toma de posesión como deputado CC-BY-NC-SA BNG

Daniel Rodas (Moaña, 1961) chega ao Parlamento despois de pisar moita rúa. Antes de ser funcionario da Consellería do Mar desempeñou oficios como horticultor, mariñeiro ou obreiro da construción naval. Concelleiro do BNG en Moaña dende 2003, Rodas vén de incorporarse á Cámara lexislativa galega en substitución de Carlos Aymerich. O seu reto, afirma, é facer chegar ao Pazo do Hórreo as preocupacións da xente "normal".

Como afronta o labor de deputado?

Afróntoa con moita responsabilidade e, na miña modesta achega, tentarei levar alí o sentir dos mariñeiros, da xente desempregada, do pequeno comercio, da mocidade, da xente coma min, que vive día a día. Eu quixera que os problemas da xente chegasen a ese Parlamento de paredes de formigón para que fose capaz de arranxalas e de amosar a realidade que vivimos, onde todos andamos anguriados porque non hai traballo. As familias padecen directamente unhas condicións laborais que empeoran, quédasennos cos aforros, vemos como as grandes empresas sen escrúpulos nos van estorsionando para manter os seus capitais... E podemos asistir a como o poder institucional, tanto da Xunta como do Goberno central, en mans do PP, en vez de estar ao lado da xente están a narcotizala. Non hai máis que ver os paseos que dá algún presidente polas nosas rías. Non teñen escrúpulos e van, pouco a pouco, minando a Administración pública, que é de todos, mentres van repartindo os despoxos entre os amigos, eses que canto peor vaia a cousa, eles ganan.

"O poder nas mans do PP, en vez de estar ao lado da xente, está a narcotizala"

Chega ao Parlamento nun momento complexo para o país en xeral e para os asuntos de pesca, dos que vostede se encarga, co conflito de Mauritania, o despezamento da flota...
Si, para o sector é un momento tremendamente complexo. Isto vén de atrás, dende o acordo coa Unión Europea, onde o Estado nos vendeu e agora padecemos as consecuencias co reparto das capturas e nas políticas comunitarias que nos abocan a que vaiamos paseniñamente ao desmantelamento. Os dous grandes partidos son os responsables; entramos co PSOE, hai que lembrar o acordo de expulsión de Namibia, a guerra do fletań... é verdade, pero o maior responsable actualmente é o PP e xa vén de atrás. En 1992 o propio Arias Cañete era o responsable do desmantelamento da flota galega no banco canario-sahariano.

O momento actual non é menos complexo para o nacionalismo, que no caso do BNG vén de iniciar unha nova etapa, con novas teses e novo liderado, como a interpreta?

"O BNG ten á fronte unha persoa con capacidade e cintura política para sermos quen de facer convivir a todo o mundo"

Vimos dunha situación convulsa, onde o nacionalismo estivo máis centrado nos seus problemas estomacais. Ata certo punto é normal nos procesos de liberación nacional; levamos 30 anos e é complexo facer convivir todas as sensibilidades. O BNG está facendo unha reformulación, cunha persoa [Xavier Vence] con capacidade de ampliar espazos e cunha cintura política para sermos quen de facer convivir a todo o mundo. Espero que no f uturo sexamos capaces de encetar a axenda apropiada. Ao longo de 30 anos o BNG foi un insturmento útil para o país e agora estamos enfocados para que siga sendo o instrumento fundamental de defensa do país. Debe fomentar a unidade de acción, porque o poder político que nos esmaga fai que sexa necesarios todos os esforzos e o BNG ten que poñer en valor os seus atributos; non somos políticos ao uso, somos xente diferente, xente comprometida co país, a política para o BNG non é aspiración persoal, senón que é servizo público

Incorpórase a unha Cámara especialmente convulsa nos nos últimos tempos, con vetos ás visitas, abandonos da oposición para protestar...
Esa é a faciana do poder, do PP... Alí onde hai a posibilidade de levar a voz da xente eles acaban pechándoo totalmente. E non só no Parlamento, tamén nos ámbitos mediáticos. Eles teñen unha rede importantísima de influencia e son quen de someter aos medios públicos e mesmo a moitos dos privados. O PP tenta afogar a opinión dos discrepantes.

No conflito das preferentes, por exemplo?
Neste caso non se están a defender os intereses dos cidadáns e chéganse a situacións histriónicas: persoas que levan toda a vida aforrando agora ven que a propia banca, que pensabamos que era pública, non está para os intereses da xente, senón que está enfocada aos intereses especulativos. E o poder político, en vez de tratar de castigar a quen realmente realiza o timo, fai xustamente o contrario. Están amparando e defendo á banca e deixan desamparadas ás persoas de boa fe.

Rodas, na súa toma de posesión como deputado CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.