O Bloque insiste en demandar debates electorais nos medios públicos galegos "a dobre volta" e en horarios de máxima audiencia para que os galegos coñezan as propostas dos diferentes partidos. Así o asegurou a coordinadora da campaña do BNG, Goretti Sanmartín, que lembra que sempre houbo estes debates "nun formato minimamente axeitado, a audiencia responde".
O Bloque demanda debates electorais nos medios públicos galegos "a dobre volta" e en horarios de máxima audiencia
"A xente está farta de teatros, de escándalos, de frivolidade política, e o que hai que poñer enriba da mesa son propostas programáticas, solucións e esperanza", insistiu Sanmartín, que cre que "xusto o que non quere facer o señor Feijóo é dar a cara" porque, segundo di, "sabe que hai razóns convincentes e que todo o mundo sabe a desfeita que fixo no país".
Goretti Sanmartín lembrou qeu xa en maio o grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición, que foi rexeitada, para que se reformase a lexislación electoral de cara a garantir a existencia de debates nos medios públicos. "É fundamental que, en noso caso a CRTVG, xogue o papel que lle corresponde favorecendo estes debates e que o conxunto da poboación teña coñecemento para poder elixir con toda liberdade a opción política á que quere dar o seu voto, nun momento de especial urxencia para o país", engadiu, ademais de demandar tamén debates provinciais con cadanseus candidatos.
"É fundamental que, en noso caso a CRTVG, xogue o papel que lle corresponde favorecendo estes debates"
Para o Bloque, é "esperpéntico" que haxa medios privados e públicos doutros territorios que preparen estes debates políticos mentes "aínda non sabemos nada da televisión e radio públicas de Galicia". Ademais, solicitou debates en formatos "serios, non simulacros en horarios intempestivos", así como que entre os temas a debater estea a corrupción.