O BNG disponse a entablar contactos co resto do nacionalismo

Vence, en rolda de prensa con Suso Seixo CC-BY-SA Praza Pública

Aínda non hai datas, pero si axenda. Unha vez pasada a XIV Asemblea Nacional e coa nova dirección conformada, o BNG disponse a abordar un dos retos expostos polo seu novo portavoz nacional, Xavier Vence, antes e despois de ser elixido: os contactos co resto das forzas nacionalistas do país, tanto as xurdidas de escisións do propio Bloque como as que xa desenvolvían a súa actividade á marxe da formación frontista. Tras iniciar coa CIG outra rolda de conversas, as que o xuntarán cos principais sindicatos que operan en Galicia, Vence admitiu, a preguntas da prensa, que agarda que os contactos cos demais grupos políticos do especto soberanista e nacionalista comecen "cedo".

"Non temos aínda datas, estámolas axendando", di Vence, quen pon o acento especialmente en que o xeito de concorrer ás eleccións europeas de 2014 non é o primeiro asunto a tratar nestes encontros. "Hai problemas moito máis importantes, non motivados por citas electorais", explica o nacionalista, en referencia a cuestións como o proceso soberanista que o propio Bloque sitúa como prioritario nas súas teses políticas ou asuntos máis vinculados ao impacto da crise económica no país. É diso do que se vai "empezar a falar".

"Hai problemas moito máis importantes que as citas electorais" e diso "imos empezar a falar", di Xavier Vence

A crise económica e o seu impacto estivo tamén sobre a mesa na xuntanza deste venres entre Vence e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Tras este primeiro encontro -haberá máis- o portavoz nacional do BNG evidencia que a súa formación e a central sindical nacionalista "comparten diagnóstico" e tamén a visión de que cómpre "que a sociedade reaccione, poñer en marcha un proceso social de contestación moi amplo" ante os recortes e ante unha política económica "ao servizo da banca especulativa". O BNG, di Vence, ten en conta a "importancia da actividade sindical" e da propia "existencia" do sindicalismo "nacionalista e de clase". 

No mesmo sentido, Seixo aposta tamén pola "acumulación de forzas" de cara a novas "mobilizacións", porque os procesos de recorte e "precarización" da actividade laboral "non van parar aquí", como amosa, di, casos como a quita ás persoas afectadas polas participacións preferentes. Neste contexto, explica en resposta aos xornalistas, parte da preocupación da CIG está tamén en casos como o de Pescanova, cuxa entrada en concurso de acredores escurece o panorama para o seu persoal. Tamén o BNG se amosa "moi preocupado" ao respecto, máis aínda, di Xavier Vence, cando nin o propio consello de administración da compañía ten á súa disposición toda a "información contable".

Vence, en rolda de prensa con Suso Seixo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.