O BNG elixe finalmente a Bildu para acudir ás eleccións europeas

Consello Nacional do Bloque CC-BY-NC-SA BNG

O BNG queda finalmente con Bildu como parella para as eleccións europeas. Foi a propia Executiva Nacional do Bloque a que lle confirmou este xoves á militancia a súa intención de "seguir adiante coa folla de ruta marcada polas propias bases da organización" e manter a coalición coa esquerda abertzale. Todo alia que o pasado luns o seu voceiro nacional, Xavier Vence, recoñecera a necesidade de "reconsiderar a decisión" e incluso a de volver intentar un pacto con ERC tras a postura da CUP, que optou por non concorrer aos comicios e rexeitou así formar parte da pretendida coalición do nacionalismo de esquerdas das tres nacións históricas do Estado.

O Bloque confirma a súa coalición con Bildu logo de que meditase unirse a ERC tras a negativa da CUP de acudir ás eleccións

O acordo adoptado pola CUP, tal e como recoñece o Bloque nun comunicado, "supuxo un cambio sobre a alternativa electoral ratificada pola militancia e, polo tanto, motivou unha reavaliación das opcións por parte da dirección nacionalista, que concluíu coa decisión de confirmar a candidatura xa aprobada polo Consello Nacional e polas bases nun proceso de participación democrática".

Naquela consulta á militancia, do arredor dos 1.500 afiliados que participaron na votación, máis do 80% votou a prol de coaligarse a Bildu e a CUP, unha porcentaxe incluso maior á que se dera no debate do Consello Nacional. Sobre un 8% optou por buscar un acordo con ERC, mentres que pouco máis do 5% insistiu en procurar unha candidatura unitaria e única galega.

A pesar de que a intención era que a militancia volvera tomar a palabra para decidir o socio, a Executiva Nacional optou por unanimidade por manter o acordo inicial "ao entender que a coalición con EH-Bildu seguía a ser a mellor opción para garantir unha representación dos intereses de Galiza na Eurocámara". O apoio masivo que as bases deran a esta colaboración e o feito de que ERC "optase por conformar unha candidatura ás eleccións europeas pensada para afrontar o proceso independentista de Cataluña" levou ao Bloque a quedar finalmente coa esquerda abertzale, coa que asinará o acordo este venres en Bilbao, segundo informa Naiz.info.

"A coalición con EH-Bildu seguía a ser a mellor opción para garantir unha representación dos intereses de Galiza na Eurocámara", di o BNG

O certo é que o acordo con ERC era agora moi complicado. A súa aposta por centrarse no proceso soberanista e a súa idea por elaborar unha candidatura "cívica e transversal" da sociedade civil catalá deixaba poucas opcións ao BNG, cuxa candidata, Ana Miranda, podería verse relegada a un posto que nin tan sequera lle asegurase o seu lugar na Eurocámara. A postura da UPG, moi maioritariamente favorable a buscar acordos coa esquerda abertzale, impúxose por riba das de destacados membros da dirección que preferían a Esquerra tras se descartar a posibilidade dunha candidatura galega.

Jordi Solé, secretario de Política Internacional e deputado de ERC no Parlament, xa explicara a Praza hai un mes os motivos que levaran a súa formación a optar por unha candidatura propia e única que os levou incluso a rexeitar a coalición con Bildu que se pensara nun principio. "A xente en Cataluña está moi concentrada no proceso soberanista, que é un momento histórico. Estas eleccións europeas chegan no medio do camiño cara ao referendo e cremos oportuno concentrar a estratexia arredor do que está pasando no país, dándolle o enfoque dos países cataláns, da sociedade civil e intentando facer unha candidatura cívica e transversal, non só centrada no proceso independentista, pero si principalmente nel", dicía.

As intencións de ERC de centrarse no proceso soberanista e priorizar unha candidatura catalá deixaba poucas opcións ao Bloque

O Bloque aclara que "entende e respecta" tanto a decisión tomada pola CUP como a opción de ERC e asegura que "desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico en función exclusiva dos intereses de Galiza", nunha “candidatura da cidadanía” encabezada por Ana Miranda, que "conta cunha ampla representación dos colectivos e movementos sociais e dos sectores produtivos máis afectados polas decisións da troika".

Con esta decisión final do BNG, confírmase tamén o fracaso no intento dunha candidatura unitaria da esquerda soberanista de Galicia, Cataluña e Euskadi de cara ás eleccións europeas do 25 de maio. As opcións que tomaron cada unha das formacións son múltiples e variadas. A CUP decidiu non presentarse, o Bloque opta por Bildu, ERC decide ir en solitario, mentres Anova opta pola esquerda federal. Ademais, Nós-UP tamén anunciou que decidira non concorrer aos comicios ao "non ser posíbel articular a candidatura que Galiza precisa".

Josu Juaristi, cabeza de lista de EH Bildu ás eleccións europeas CC-BY-SA EHBildu
Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.