O BNG empraza a Feijóo a un pacto "de país" por un "sistema aeroportuario galego"

Vista da terminal do aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Reformular un sistema deseñado "dende Madrid, con criterios centralistas e provincianos que consumiu un volume de recursos enorme". O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, convocou este xoves os voceiros da formación frontista nas tres cidades galegas con aeroporto para, xunto a eles, emprazar o presidente da Xunta a "convocar as forzas políticas e representantes locais" para traballar nun pacto "de país" encamiñado a "constituír un sistema aeroportuario galego", toda vez que o actual, centralizado, resultou "un fracaso absoluto".

"Nos últimos 6 anos foron orzamentados 600 millóns de euros en investimentos" para os aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo e o seu resultado, subliña Vence, foron "poucas conexións internacionais e tarifas caras, que fan prohibitivo viaxar dende Galiza a Europa e a outras partes da penísula ibérica". Este fracaso, di o líder nacionalista, "pódese atribuír ás políticas seguidas polos gobernos do PP e do PSOE", e por iso o Bloque, explica, apela a un "debate para pensar nunha visión estratéxica do problema", alén de "paños e parches". 

O Bloque cre que non "sobra" ningún aeroporto pero apela a finalizar as "lideiras populistas e localistas"

A cuestión, di Vence, é "a concepción do sistema aeroportuario" e non a "estratexia de curto alcance" que supoñen as "lideiras populistas e localistas". Esta dinámica, "na que nos están a introducir tanto o PP como o PSOE dende a Xunta e os concellos nos que gobernan", é "absolutamente irresponsábel para o país", que precisa "altura de miras" para "deseñar un modelo de futuro para o sistema aeroportuario galego", a comezar por reclamar as competencias na materia. Neste contexto, considera, á Xunta correspóndelle "asumir o liderado e convocar as forzas políticas e autoridades locais a debater en serio un proxecto de futuro para as conexións aéreas de Galiza".

Se esa convocatoria se chegase a producir o BNG exporía unha posición baseada en "diversificar as rutas aéreas a partir da cooperación, complementariedade e especialización dos aeroportos galegos, sen que falte ou sobre ningún". Nese modelo non caberían "os parches de curto prazo" en forma de "subvencións maiores ou menores aquí ou alí", explica Vence, porque isto implicaría prolongar o "estrago inútil de recursos públicos". "En ningún caso os concellos poden asumir subvencionar as empresas aéreas", engade a responsable de política municipal do Bloque, Goretti Sanmartín, para quen este tipo de axudas non poden ser "cheques en branco".

Vence intervén na presentación da iniciativa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.