O BNG asegurou este venres que só a presenza dos deputados da súa formación no Congreso dará “garantía” de que a transferencia da AP-9 a Galicia comece “a conta atrás” logo das eleccións do 28 de abril. A voceira nacional do Bloque, Ana Pontón, particiou nun acto simbólico na saída da autoestrada en Vigo e cargou contra as forzas estatais porque “veñen de guais” a Galicia para “prometer o que non fixeron en catro anos”.
Ana Pontón carga contra as forzas estatais por "vir de guais" agora a Galicia a "prometer o que non fixeron en catro anos”
Así, Pontón ironizou advertindo de que a Semana Santa en un “destino predilecto” para partidos de ámbito estatal para facer “turismo electoral” e criticou actuacións como as de Ana Pastor, Pilar Cancela ou Yolanda Díaz, preguntándose “onde estaban” durante os últimos catro anos.
Respecto á presidenta do Congreso, lembrou que estaba “vetando o debate da AP-9”, e á candidata socialista recriminoulle que estivese “calada” mentres Pedro Sánchez subía “a estafa das peaxes dúas veces en oito meses”. En canto á cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos, asegurou que apoiou “un recortazo de 750 millóns nos peores orzamentos para Galicia en 17 anos”. “Este é o legado das forzas estatais nesta lexislatura”, criticou Pontón, que insistiu en que “só un BNG decisivo” garantirá “acabar con este espolio” tras poñer como exemplo o que “pode facer” unha forza como o BNG tras conseguir a transferencia da AP-68.