O BNG esixe que Feijóo responda pola morte da percebeira de Oia

Prado, nun intre da súa comparecencia CC-BY-NC-SA BNG

"Estamos diante dunha política criminal, porque as decisións políticas que teñen como consecuencia a morte de persoas só poden ser cualificadas como de criminais". A voceira do BNG en materia de Pesca no Parlamento, Montse Prado, resume deste xeito as razóns que levan a formación a reclamar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acuda á Cámara para responder persoalmente pola morte de Mercedes Veiga, a percebeira de Oia que a pasada semana perdeu a vida a causa dun accidente laboral e despois de que o helicóptero de Salvamento Marítimo tardase 30 minutos en chegar, segundo a versión oficial, e 40, segundo as compañeiras da falecida e os sindicatos.

Prado coida que non abondan as escuetas explicacións ofrecidas ante a prensa pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen actúa "máis como delegada da empresa" privada que xestiona o servizo, Inaer, "que como membro dun Goberno que ten a obriga de defender os intereses dos galegos e galegas" e, máis concretamente, "das xentes do mar". A xuízo dos nacionalistas non é de recibo que a Consellería, mediante unha "resolución transitoria", poida "eximir a empresa de cumprir o contrato que ten asinado" dende o pasado 9 de novembro, permitíndolle "incumprir os tempos de resposta -fixados en 10 minutos-" e "non facer gardas presenciais, senón localizadas", isto é, que a tripulación dos helicópteros non teña que permanecer 24 horas nas bases.

O Bloque censura que a Xunta lle permita á empresa concesionaria "incumprir" os tempos de resposta asinados por contrato

"Son cuestións suficientemente importantes como para que o presidente do Goberno galego veña ao Parlamento dar explicacións", sinala a deputada, para quen ademais se fai impresindible a "dimisión da conselleira", xa que "é preciso asumir responsabilidades". Esas mesmas responsabilidades, di, deberan dirimirse tamén nunha comisión de investigación, dado que Quintana "xa dá por suposto", mesmo "antes de abrir a investigación" interna anunciada polo propio Feijóo, "que non vai rescindir o contrato" con Inaer.

Non obstante, a voceira do Bloque non cre que a comisión se deba cinguir unicamente ao sinistro de Oia. Nela, di Prado, tamén deben "analizarse todas as consecuencias das políticas da consellería e do Goberno" en xeral que "poñen en risco a vida das xentes do mar". Neste sentido, di, cómpre poñer o foco sobre a propia privatización do salvamento, pero tameń sobre o cobramento de taxas por ese mesmo servizo e a "eliminación do seguro de accidentes". Se a traballadora falecida en Oia "morrese hai dous anos, a súa familia tería dereito a unha indemnización e a súa filla, a unha bolsa de estudos". "Coa eliminación do seguro" decidida pola Xunta "non teñen dereito" a ningunha destas prestacións.

Prado, nun intre da súa comparecencia CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.