O BNG fai público o informe económico da campaña das eleccións do 25S

Acto de campaña do BNG © BNG

A Executiva Nacional do BNG acordou facer público o informe económico correspondente á campaña das pasadas eleccións galegas do 25 de setembro de 2016. Finalmente, o gasto total realizado en campaña foi de 333.471,77 euros, dos que 65.789,27 se corresponden con gastos efectuados polas diferentes comarcas no seu ámbito. A formación destaca que se conseguíu un importante aforro prescindindo dos envíos por mensaxería ou da contratación de empresas para a colocación de material de propaganda, entre outras accións.

"Para o BNG a transparencia non é unha obriga, senón que forma parte do noso ADN. É un orgullo facer públicas unhas contas que amosan unha organización moi modesta en recursos económicos, pero cunha base militante e simpatizante tremendamente comprometida”, sinala a Executiva, que quixo facer público "o seu agradecemento aos milleiros e de militantes e simpatizantes que fixeron posíbel unha campaña moi modesta en recursos económicos, pero tremendamente intensa en traballo voluntario e compromiso".

Os gastos totais distribuíronse do seguinte xeito:

  • Correo masivo (“mailing”): Impresión e distribución de sobres, papeletas e dípticos. 113.084,55
  • Publicidade en medios de comunicación e redes sociais 37.454,27
  • Gastos varios (bridas, intérpretes linguaxe de signos para actos nacionais, etc.) 2.797,91
  • Publicidade exterior (bandeirolas, PVC's, faixas, valados) 78.178,35
  • Imprenta (cartaces en diversos modelos, revista) 18.709,30
  • Alugueiros (espazos para actos nacionais, furgonetas) 6.730,04
  • Produción actos nacionais e mediáticos (montaxe, iluminación, son, etc.) 46.175,37
  • Escenografías (lonas de fondo para actos nacionais, cubos, roll-ups, etc.) 2.986,28
  • Deseño de todos os materiais de campaña 15.116,00
  • Material audiovisual 6.739,70
  • Gastos financieiros (formalización da póliza de crédito e xuros durante un ano) 5.500,00 

A Executiva explica que os ingresos para enfrontar os gastos efectuados, procederon de: a) A cota extraordinaria conxunta (para eleccións xerais e galegas) entre militantes. b) Doazóns de militantes e simpatizantes. c) Fondos propios do BNG. d) Anticipo electoral ao que tiña dereito o BNG en función dos resultados das anteriores eleccións galegas de 2012. e) Foi preciso tamén, co fin de aboar os gastos derivados da confección e distribución do correo masivo (mailing) subscribir unha póliza de crédito específica por un valor de 100.000 euros. 

 

Aforro

O BNG destaca que se conseguíu un importante aforro a través de distintas accións e decisións adoptadas. Por exemplo, suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería, pois "compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade". Ademais, sinala que non se contratou a nivel nacional ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas, pontes ou rúas. Igualmente, aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas das diferentes comarcas, reutilizándoo.

Así mesmo, non se pagaron dietas nin desprazamentos ás persoas que interviron en actos políticos, nin tampouco se contrataron persoas condutoras para ese cometido. Ademais, non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. De igual xeito, "compañeiras e compañeiros que colaboraron na composición e interpretación de audiovisuais e temas musicais fixérono gratuitamente e cederon os seus dereitos de autor/a ao BNG". Finalmente, non se contrataron insercións publicitarias na prensa escrita, agás no semanario Sermos Galiza e na revista Luzes da Galiza

Acto de campaña do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.