O BNG impulsa unha reforma legal para prohibir as touradas en Galicia

Pontón, Jorquera e Pérez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

"É un espectáculo baseado no sufrimento dun animal". É un dos argumentos expostos polo BNG para impulsar unha proposición de lei que reforme o actual texto legal de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, que data de 1993. Os nacionalistas, explica o seu voceiro parlamentario, Francisco Jorquera, apostan por introducir nesta norma do Goberno Fraga un precepto para "prohibir as corridas de touros e os espectáculos taurinos que inclúan a morte do animal e a aplicación de pica, banderillas ou estoque". "A tortura -subliña Jorquera- non é cultura".

Sinala Jorquera que a lei de 1993 non pode seguir "permitindo utilizar a violencia" neste tipo de espectáculos, máis aínda cando "en Galiza non existe tradición" de celebrar touradas. A súa introdución, di, "responde a un intento de homologación e asimilación cultural" ligada a "unha festa nacional na que prevalece a crueldade" contra os animais. Nun sentido semellante a deputada Ana Pontón coida que no país cada vez existe "maior sensibilidade" a prol do fin das touradas, "unha práctica allea a Galiza e ás nosas manifestacións culturais" que ademais é "cruenta e anacrónica".

"É unha contradición que unha lei que persegue a tortura contra calquera animal sexa compracente coa crueldade cun touro"

Trátase, en definitiva, explican Pontón e Jorquera, de incorporar ás leis galegas o principio de "respecto, protección e defensa dos seres vivos". E para isto, coidan, cómpre erradicar de Galicia as touradas, "como xa acontece en Catalunya e Francia". As verbas do BNG foron secundadas polo voceiro da plataforma Galicia, mellor sen touradas, Rubén Pérez, en cuxa opinión o sustento básico das touradas no país son as subvencións de determinadas institucións públicas, caso por exemplo dalgúns concellos ou da Deputación de Pontevedra. "Non hai afección e cada vez o seu impacto é menor", razón engadida, di Pérez, ao feito de que existe unha "contradición" nunha lei que "persegue a tortura contra calquera animal" pero é "compracente coa crueldade cun touro".

Tal e como detallou Praza Pública, segundo datos oficiais da Xunta nos últimos cinco anos organizáronse en Galicia tan só 64 touradas concentradas en trece concellos do país, un 4,1% do total. Deses municipios que albergaron espectáculos taurinos só figuran dúas cidades, A Coruña e Pontevedra.

Pontón, Jorquera e Pérez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.