O BNG inicia a redacción do seu programa para as europeas cunha xornada de debate

Intervención de Xavier Vence na xornada de debate © BNG

O BNG arrancou este sábado o proceso das eleccións europeas do 25 de maio cunha xornada de debate sobre o actual modelo da UE, das súas consecuencias para Galicia e sobre as alternativas da formación nacionalista para defender os intereses do país en Bruxelas. O portavoz nacional Xavier Vence subliñou que o Bloque ten que “afinar o discurso, con argumentos claros e concretos” pero desde a confianza do traballo realizado na Eurocámara. “Imos a estas eleccións cos deberes feitos”, proclamou Vence ante 300 cargos, militantes e simpatizantes, “demostramos que o BNG é a forza útil deste país, traballando arreo para levar ao Parlamento Europeo a voz dos intereses de Galiza, a voz dos sectores económicos, dos movementos ecoloxistas e sociais, a voz da dignidade deste pobo”. 

Vence valorou o traballo desenvolvido pola eurodeputada Ana Miranda “con propostas para mellorar as políticas europeas en beneficio dos nosos intereses nacionais e de da maioría que sofre as peores consecuencias do actual modelo de Europea neoliberal"

Vence salientou que a sociedade recoñece o papel do Bloque en defensa de Galicia na Eurocámara e instou a transformar en votos ese recoñecemento. “Galiza existiu en Bruxelas porque o BNG estivo alí. Todos os galegos e galegas perciben e recoñecen iso e agora temos que transformar ese recoñecemento nunha marea de apoios de cara as eleccións de maio”, subliñou. Vence valorou así mesmo o traballo desenvolvido pola eurodeputada Ana Miranda “con propostas para mellorar as políticas europeas en beneficio dos nosos intereses nacionais e de da maioría que sofre as peores consecuencias do actual modelo de Europea neoliberal, con iniciativa e con competencia”.

 

Máis soberanía

O dirixente nacionalista salientou que o obxectivo nos comicios europeos “é acadar presenza directa de Galiza na UE”, apostando por unha gran coalición de forzas nacionalistas de esquerda, galegas e doutros territorios do Estado, para garantir a defensa dos intereses do país e, ao mesmo tempo, construír outra Europa dos pobos e non sometida aos grandes lobbies financeiros e empresariais. Vence fixo fincapé na necesidade de camiñar cara unha Galiza máis soberana tamén en Europa “porque é a falta de soberanía no Estado español a que lle impide ao noso país ser un suxeito político de pleno dereito na UE, a que lle impide a representación e a negociación directa dacordo cos seus intereses”.

Vence salientou que o obxectivo nos comicios europeos “é acadar presenza directa de Galiza na UE”, apostando por unha gran coalición de forzas nacionalistas de esquerda, galegas e doutros territorios do Estado

Vence puxo como exemplo das consecuencias desa falta de soberanía o discriminatorio reparto dos fondos europeos: “Os fondos europeos son xestionados polo Estado con criterios centralizadores, as liñas mestras decídense en Madrid e Galiza recibe dos fondos agrarios e pesqueiros moito menos do que lle correspondería dada a importancia de ambos sectores na nosa economía”. “Os fondos europeos recibidos por Galiza desde 2007 e ata 2020 será unha contía inferior aos 9.000 euros que nos custou a todos e todas as galegas rescatar NovaGaliciaBanco”, indicou.

“Estes días vemos como na PAC española seguen mandando os terratenentes absentistas de secano que se apropiarán da maior parte dos fondos. Se os recursos dos fondos da PAC se aplicasen cos mesmo criterios que aplicará Francia, os noso sector agrogandeiro duplicaría as cantidades a percibir”, denunciou Vence, quen salientou que por iso “é preciso que Galiza teña voz propia en Europa”.

 

Programa electoral

Esta xornada de debate serve de inicio para a elaboración do programa electoral do Bloque. Ao longo do día interviron en distintos relatorios Bernardo Valdés, Pilar García Negro, Edelmiro López Iglesias, Carlos Aymerich, Carme Adán, Ana Miranda, Bieito Lobeira ou Alba Nogueira, Francisco Rodríguez ou Rosana Pérez.

Intervención de Xavier Vence na xornada de debate © BNG
Asistentes ás xornada de debate © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.