O BNG iniciará contactos para formar outra candidatura de unidade nacionalista

Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

O novo Consello Nacional do BNG deu "luz verde" ao inicio da súa "refundación", un proceso "absolutamente novidoso", segundo a súa voceira nacional, Ana Pontón, que dixo que a fronte nacionalista pretende así recuperar o pulso social e electoral para ser "chave" na derrota da dereita e de Feijóo. 

“Iniciamos un proceso nunca vivido no nacionalismo que ten como obxectivo ampliar a militancia e a base social e resituar o BNG como a referencia fundamental para a derrota do PP”, asegurou Pontón, que prioriza un debate "cara a fóra" e que ten como factor "moi importante" a preparación para as vindeiras eleccións autonómicas. Para iso, o Bloque aprobou "iniciar a rolda de contactos con outras organizacións políticas e colectivos coa finalidade de conformar unha candidatura nacionalista que ten que ser clave na derrota do PP que está situando o noso país nunha situación desastrosa”. 

O BNG aproba "iniciar a rolda de contactos con outras organizacións políticas e colectivos coa finalidade de conformar unha candidatura nacionalista"

O Bloque aposta así por repetir a fórmula de Nós-Candidatura Galega -aínda que non a denominación- de cara aos comicios autonómicos e tamén, se é o caso, para unha repetición das xerais logo de que a última asemblea nacional rexeitase de vez calquera posibilidade de confluír ou acadar un practo preelectoral con En Marea. 

Para o Bloque, “é evidente que as políticas de Feijóo son tóxicas e corrosivas para o noso país e necesítase un cambio de 180 graos no goberno galego". "E o BNG está traballando desde xa para ser unha peza fundamental na derrota do PP e poñer en marcha un cambio real no goberno da Xunta”, argumentou Pontón.

O documento aprobado polo Consello Nacional este sábado marca metodoloxía, cronograma e temas de debate nun proceso “participativo, aberto, de abaixo arriba”, con tres grandes ámbitos de discusión sen limitación ningunha "máis aló do carácter nacionalista e dos principios básicos do BNG referendados pola militancia na XV Asemblea Nacional". 

Ademais, en nota de prensa o BNG destaca a súa "ampla renovación" ao ter variado o 43% dos seus integrantes con incorporación de "xente nova". Alén disto, o Consello Nacional aprobou tamén o reparto de responsabilidades na Executiva nacional que, por primeira vez, pasa a conformarse en cinco áreas de traballo en substitución do habitual reparto por secretarias, "onde a responsabilidade é colectiva e transversal". En concreto Área de Organización, de Política Institucional, de Comunicación, de Ideas e Alternativas Políticas e de Relacións nacionais e internacionais.

 

CxG decidirá o 17 de abril como concorrer ás galegas

Por outra banda, o Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia (CxG) fixou o 17 de abril como data e Compostela a cidade para a celebración da Convención Nacional na que a militancia decidirá como concorrerá a formación galeguista nas vindeiras eleccións galegas.

En declaracións aos medios, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, destacou que, a diferencia doutras formacións políticas, “aquí será a propia afiliación a que decidirá mediante o seu voto como concorrerá Compromiso por Galicia ás vindeiras eleccións galegas”. “Na convención a militancia decidirao todo: como nos presentamos para as próximas eleccións e con que programa”, subliñou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.