O BNG mantén "a porta aberta" a Anova pero sen EU e mentres ultima acordo con ERC e Bildu

Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

Nada novo. O BNG volveu deixar claro esta mañá que a opción de concorrer xunto a Anova na mesma coalición electoral para as vindeiras eleccións europeas tan só será factible se a formación liderada por Beiras prescinde de Esquerda Unida (EU), unha das forzas coas que mantén a unión no grupo parlamentario de AGE. "Esperamos que sexan quen de poñer os intereses de Galiza por riba doutras estratexias de forzas estatais", advertiu o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, no marco dun novo consello nacional.

Vence espera que Anova "sexa quen de poñer os intereses de Galiza por riba doutras estratexias de forzas estatais"

Aínda que insistiu tamén en que non se pechaban "as portas a ninguén", a posibilidade dunha candidatura unitaria das principais forzas nacionalistas galegas a Europa semella cada vez máis difícil. O que si parece claro é que o BNG acudirá coaligado xunto a EH Bildu e ERC nunha alianza do soberanismo de esquerdas no Estado na que tamén se inclúen o PSM mallorquín ou Compromís, nun abano que as formacións vasca e republicana abriron tamén ás CUP ou a Anova pero que, polas diferenzas que xorden en Galicia, non semella que se vaia concretar.

"Galicia precisa unha candidatura con forza", engade Vence, que agarda que os demais "actúen en consecuencia". "Non temos unha variña máxica para saber cando vai ser a súa decisión definitiva", dixo respecto a Anova, tras aclarar outra vez que o BNG "non pecha a porta" a outras formacións nacionalistas, pero tamén que "non vai estar esperando a que outros adopten as súas decisións ou resolvan as súas dúbidas para continuar adiante" cunha candidatura na que tamén prevé incorporar colectivos sociais e "moitos sectores da cidadanía".

"Non pechamos a porta pero non imos estar esperando a que outros adopten as súas decisións para continuar adiante", di Vence

"Nós non temos atranco ningún, o atranco terano outros, se acaso", asegurou o voceiro nacional do BNG ao ser preguntado sobre se Esquerda Unida sería un obstáculo nas negocacións con Anova.

Aínda así, o consello nacional do BNG aprobou por unanimidade o documento que establece as bases para conformar esa candidatura para as eleccións europeas de maio de 2014. O Bloque aposta pola “conformación dunha grande coalición de forzas galegas para que Galiza teña voz que defenda os intereses do país, dos sectores produtivos e dos servizos sociais fronte ás políticas da troika e os recortes”, segundo dixo Vence. Logo sería o momento de que esta coalición galega se unise nunha "macrocoalición coas demais forzas nacionalistas de esquerda doutras nacións nunha unión que represente a Europa dos Pobos, dos dereitos das nacións sen estado”. "Iso non pasa por ir baixo o paraugas dunha forza estatal", insistiu Vence. Para iso mantén o BNG as conversas con Bildu -unión de varias forzas soberanistas vascas- Esquerra Republicana, Compromís ou o PSM á espera de se a esta alternativa se unen outras formacións independentistas.

O BNG avanza nas conversas para unha coalición xunto a Bildu e ERC e ás que se unirían Compromís ou o PSM

“Seguimos mantendo a man tendida para que outras forzas e grupos políticos e colectivos sociais acompañen e arroupen esta candidatura que ten que ser de todas as forzas nacionalistas de esquerda deste país”, advertiu Vence sobre unha proposta que será debatido nas asembleas comarcais da organización a final deste mes de novembro. O voceiro nacional do BNG insistiu en deixar "as portas abertas" para quen "queira incorporarse" pero "compartindo os criterios desta candidatura que pon os intereses de Galiza por riba" e sen someterse a "estratexias de forzas políticas estatais", en clara alusión a EU, que opta por unha ampla fronte que una a esquerda transformadora e radical coa esquerda nacionalista e independentista do Estado. Nesa disxuntiva está agora Anova, que deberá tomar unha decisión que arrastrará tamén a CxG, que sa advertiu que a súa integración na coalición galega estaba supeditada a que a formación de Beiras e o BNG chegasen a un acordo.

 

O "espírito de Riotorto"

Por outra banda, o consello nacional do BNG censurou "moi negativamente" a política económica e social do PP e acordou seguir coa mobilización social contra as continuas decisións da Xunta e do Estado que "conducen a un deterioro das condicións de vida, aumenta a pobreza, a miseria e a exclusión social e non contribúe á saída da crise, senón ao estancamento económico”. Así, Xavier Vence insistiu en manter o "espírito de Riotorto" e en rexeitar desde os concellos as medidas "devastadoras" da dereita, que xa se rebelaron contra un copago farmacéutico e unha reforma local "de consecuencias nefastas para os municipios de menos de 20.000 habitantes e para o rural".

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública
Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.