O BNG pasa páxina das xerais e aposta por ser “peza clave” para derrotar o PP nas autonómicas

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, durante o Consello Nacional deste sábado Dominio Público BNG

A primeira reunión do Consello Nacional do BNG logo das eleccións xerais, nas que quedou por baixo do 3%, un punto e medio peor que en decembro, saldouse este sábado coa aposta da formación por pasar páxina e dalo todo nas autonómicas de outono. A propia nota de prensa sobre o encontro distribuída pola formación deixa a única mención das xerais para a última frase, na que se limita a indicar que terá en conta as valoracións que sobre os pasados comicios fagan agora as súas asembleas locais e comarcais. Conscientes xa antes das pasadas eleccións de que sería moi difícil remontar os malos resultados de decembro, a fronte nacionalista agardaba que pasasen canto antes para dar os seus resultados por amortizados e poder centrarse nunhas autonómicas que serán un dos momentos clave da súa historia, “cita decisiva” en verbas da súa voceira nacional, Ana Pontón.

Ana Pontón cualifica as eleccións autonómicas de outono de “cita decisiva” e pide que se celebren “canto antes”

“Desde o Bloque seguimos tendo a man tendida a todos e todas as nacionalistas para traballar nunha candidatura na que o BNG sexa peza clave na derrota do PP e na posta en marcha dunha alternativa política diferente, porque somos optimistas co proxecto nacionalista, optimistas co futuro do país se damos os cambios necesarios e urxentes para derrotar a política antisocial e antigalega que representa Feijóo”, dixo este sábado Pontón, tamén candidata á presidencia da Xunta. A nacionalista asegurou que o BNG segue a apostar por unha “candidatura de unidade do nacionalismo” para derrotar a Feijóo e asegurou que fronte ás estratexias de PSOE e Podemos, que ao seu xuízo fortaleceron aos populares, “ o mellor antídoto contra o PP é o BNG”.

O BNG quere unha manifestación do Día da Patria “aberta a todos os e as nacionalistas”

Pontón asegurou que o BNG xa “está preparado” para unhas eleccións autonómicas que desexa que se celebren “canto antes”, aínda que matizou que Feijóo as convocará  “cando considere que lle convén a el e ao seu partido”. De cara a esa cita, o programa electoral que agora comeza a preparar o BNG estará coordinado desde a executiva nacional por Nestor Rego e Noa Presas.

Por outra banda, o Consello Nacional comezou a preparar a manifestación do Día da Patria co obxectivo, di, de que a deste 25 de xullo sexa unha marcha “aberta a todos os e as nacionalistas e a todas as persoas que sintan este país”. Do mesmo xeito, aprobou o inicio dunha nova fase do seu denominado Proceso Adiante de refundación coa creación dunha “comisión aberta” que se reunirá este mes e que terá como responsábeis á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o ata de agora voceiro parlamentario, Francisco Jorquera.

Imaxe do Consello Nacional celebrado este sábado Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.