Como cada vez que se instaura o horario de verán, e se adianta a hora en Galicia, a polémica regresa. O escaso aforro -case nulo- que supón para o país o cambio horario únese o aumento da diferenza dos nosos reloxos co horariosolar do país. O BNG vén de rexistrar unha proposición non de lei para debater no pleno no que se solicita que a comunidade teña "o mesmo fuso horario que Portugal e Irlanda".
O Bloque lembra que Galicia "comparte fuso horario con Polonia ou Noruega" por unha "decisión política" do Goberno central
O voceiro do grupo parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, lembra que Galicia "comparte fuso horario con Polonia, Suecia ou Noruega por unha razón política que responde a decisión do Goberno español", que "impuxo o mesmo horario peninsular a pesar da diferenza de case unha hora entre Fisterra e Barcelona".
Esta decisión fai que "Galiza sexa un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar". Porque o país está xeograficamente no fuso GMT-1, máis a hora oficial é a GMT+1, o que fai que no verán as zonas máis occidentais de Galiza "chegan a ter unha diferenza de dúas horas e media a respecto da hora solar".
O obrigado cambio horario vén motivado en toda Europa pola Novena Directiva, de obrigado cumprimento en todos os países desde a UE e vixente desde o ano 1981. Pero a diferenza horaria do Estado español con outros países que se atopan no mesmo fuso horario, como Inglaterra, Portugal ou Irlanda, vén de moito máis lonxe e ten razóns estritamente políticas. Concretamente, pola afinidade ideolóxica do franquismo co réxime nazi alemán. Foi o 7 de marzo de 1940 cando o Boletín Oficial do Goberno publicou a orde na que ordenaba que se adiantase en 60 minutos un horario que ata daquela era común ao dos países da súa contorna.
O réxime franquista decidiu unificar o seu horario co da Alemaña nazi en 1940
“Considerando a conveniencia de que o horario nacional vaia de acordo co de algúns outros países europeos, e as vantaxes de todo tipo que o adianto temporal de hora achegará, dispoño que o sábado 16 de marzo, ás vinte e tres horas, se adiante a hora legal en sesenta minutos”, asegurábase na comunicación, que significaba que a España franquista se homologase voluntariamente coa hora central europea (CET), a mesma que Alemaña impuxo logo a todos os territorios ocupados que mantiñan un horario diferente: Francia, Luxemburgo, Bélxica, Holanda e Polonia.
Ao rematar a Segunda Guerra Mundial, todos estes estados europeos decidiron manter un mesmo horario centroeuropeo, ao que se sumaron logo Andorra, Xibraltar e Mónaco. España, cuxa localización xeográfica non se correspondía en nada coa hora adoptada, mantivo unha hora máis do que lle correspondía e síguea mantendo máis de setenta anos despois.
O BNG aclara que son razóns científicas apoiadas por "reputados expertos" as que recomendan recuperar o fuso horario de Portugal
Aplicando criterios xeográficos, que Madrid ou Barcelona (pero máis aínda A Coruña ou Vigo) teña a mesma hora que Berlín é pouco entendible. De feito, o horario medio de Greenwich ou GMT é o horario solar medio no Observatorio Real de Greenwich e que equivale a cero graos de lonxitude. Este meridiano cruzaría a costa mediterránea española, polo que tanto España como Francia, Gran Bretaña e Portugal deberían manter un mesmo horario.
O BNG lembra que, "historicamente o nacionalismo galego baseou en análises científicas as súas alternativas políticas, a diferenza dos que utilizan como bandeira o prexuízo, o complexo e a autonegación". "Aqueles que descualifican o simple inicio deste debate en base a prexuízos ideolóxico-políticos antigalegos deben saber a aberración científica na que se sustenta o actual fuso horario, pois non hai ningunha razón de aforro enerxético ou de calidade de vida que o avale", explica.
Jorquera recorda que "reputados expertos, comezando polo presidente da Comisión Nacional para a Racionalización de Horarios, comparten abertamente esta tese desde unha perspectiva non ideolóxica". Ademais, advirte que desde outros ámbitos científicos tense reclamado a "necesidade de procurar a idoneidade dun uso horario para Galiza que permita maior aforro enerxético e mesmo unha mellor calidade de vida para galegas e galegos".
"Co actual sistema os galegos perdemos cartos, pois lonxe de producir aforro, provoca un maior gasto enerxético", di o BNG. Segundo os datos que achega a Xunta, a diminución total de consumo eléctrico é tan só do 0,4%, mentres que no conxunto do Estado sobe ata o 5%.
Coa súa proposición, o BNG insta insta a Xunta a “demandar o cambio de uso horario para adecuar a hora oficial de Galiza á dos países situados no seu mesmo meridiano” e pregunta tamén se o Goberno coñece "a inadaptación do uso horario que na actualidade lle corresponde" a un dos países do mundo con “maior desfase entre a hora oficial e a hora solar".