O BNG pide á Xunta que medie ante o "despido político" dunha muller por ir nas listas do Bloque

Carme Adán e Maite Mouriño CC-BY-SA BNG

O BNG pide ao Goberno galego que medie ante a "persecución política" sufrida por unha muller que, segundo o Bloque, foi despedida pola participación desta nunha lista electoral da súa formación. A parlamentaria Carme Adán, acompañada da traballadora de Esycsa (Equipos de Señalización Y Control SA), Maite Mouriño, explicou que o despedimento responde a "motivos políticos" e supón unha "clara vulneración dos dereitos dos traballadores". 

O BNG e a traballadora denuncian que Esycsa, do grupo ACS, despediuna por ir nas listas do Bloque en Pazos de Borbén

A deputada nacionalista explicou que tras a decisión da traballadora de participar como número tres na candidatura do BNG ao Concello de Pazos de Borbén, un mes máis tarde recibe a carta de despido, un feito que o BNG porá en coñecemento do Goberno galego a través diferentes iniciativas parlamentarias nas que esixe "a súa mediación coa empresa para a readmisións inmediata da traballadora".

Adán esixe que o Goberno galego se pronuncie ante o que considerou “un despedimento por causas políticas” contra unha muller que despois de once anos no seu posto de traballo, e cun brillante currículo laboral, "é despedida por exercer o seu lexítimo dereito a participar nunha lista ás eleccións municipais".

A empresa Esycsaa pertence ao grupo ACS relacionada cun gran número de concesións públicas nos concellos galegos e "gábase de contar co recoñecemento público de respectar os dereitos dos traballadores e traballadoras”, abondou a nacionalista, que aludiu ao grande esforzo e traballo realizado polas mulleres para poder participar nas listas electorais. Ademais, lembrou que a propia Lei de Igualdade obriga á paridade nas listas e aínda así "en Galiza só unha de cada cinco listas electorais estivo encabezada por unha muller, un 22%. 

A traballadora denuncia que foi despedida por ir nas listas do BNG e por ter acceso no seu emprego a información da empresa

Pola súa banda, Maite Martín denunciou que tras once anos de traballo foi despedida por “participar na candidatura do BNG”. Na empresa dedicada ás adxudicacións de Vitrasa en Vigo, Zona Franca de Vigo, así como o mantemento da rede semafórica do concello de Vigo, alumeados públicos das zonas norte e sur do concello da Coruña e Lugo, ademais dos mantementos semafóricos de Nigrán, Gondomar, Tomiño e Redondela, a traballadora desenvolvía a responsabilidade dos sistemas de certificación e xestión como auditora interna e dos Sistemas Tics, ademais da carteira de novas proxeccións e oportunidades da empresa, un posto, dixo, que lle daba acceso a toda a información.

A traballadora despedida asegurou que a súa presenza na empresa, pertencendo a un partido político non afín ao seu director xeral, Juan Manuel Martínez e o conselleiro do grupo Etra, José Fernández, “resultáballes moi incomoda”, polo acceso á información inherente ao posto que ocupaba. Maite Mouriño tamén explicou que durante estes once anos deuse un cambio na dirección da firma e do grupo e afirmou que coa anterior dirección nunca existiu “ningún problema” pola súa afiliación ao BNG, de feito, recalcou, a anterior dirección xa lle mostrou o seu total apoio ante o despido.

Carme Adán e Maite Mouriño CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.