O violento desaloxo da biblioteca de Ourense chega ao Parlamento. Despois de que, na noite do pasado martes, efectivos da Policía Nacional botasen con suma contundencia os estudantes que se atopaban pechados nunha biblioteca ourensá en protesta polos recortes educativos o BNG reclama explicacións ao Goberno galego. A través dunha pregunta rexistrada pola voceira nacionalista en materia educativa, Carme Adán, e polos deputados ourensáns Alfredo Suárez Canal e Tareixa Paz o Bloque cuestiona a Xunta pola orixe das ordes do desaloxo e tamén polo xeito en que foi efectuado.
"Segundo os propios estudantes que participaron no peche ata que se produciu a actuación da polícia non se tiña orixinado ningún incidente reseñable", resalta a iniciativa parlamentaia do Bloque, lembrando ademais que a acción reivindicativa "tiña prevista unha duración de vinte e catro horas". Malia estar acoutado no tempo "foi interrompido" polas forzas de seguridade, que "procederon a desaloxar de xeito contundente, a xuízo dos propios pechados, con golpes, empurróns e actuacións absolutamente desproporcionadas", din.
O BNG pregúntase se a acción policial non tería como obxectivo "criminalizar" a vaga de protestas contra os recortes
En opinión dos nacionalistas semella "lóxico pensar" que, "na situación de crise que se está a producir", con "dramas terribles para moitas persoas", os poderes públicos deberan darlle un tratamento de "máximo respecto" ás protestas que, coma esta, se desenvolven de xeito "pacífico" para rexeitar os recortes. "Parece difícil de entender que as decisións que se tomen" dende as autoridades, argumentan, encamiñen as accións policiais "a criminalizar a protesta contra os recortes".
Neste contexto o BNG considera "lóxico que exista interese en esclarecer o acontecido" e que, polo tanto, a Xunta "aclare tamén cal é a súa opinión", tanto sobre o desaloxo como sobre "de quen partiu a orde de solicitalo". "Non se pode perder de vista que o edificio depende da Xunta" e que "os propios gardas de seguridade privada poden acreditar que até o intre" en que chegaron os axentes "non se tiña producido ningún incidente". "Curiosamente -engaden- podemos ler nos medios de comunicación que o que foron consecuencia dos altercados producidos no propio desaloxo" sexan "un argumento que se pretende utilizar dende a Xunta para criminalizar os propios estudantes".
Tal e como ten informado Praza Pública os estudantes pechados lamentaron a "violencia" do desaloxo. "Agarráronnos con forza polos brazos, empregaron porras e moitos de nós temos mazaduras e rabuñaduras polo corpo". "Racharon as camisolas de varios compañeiros e intentaron empurrar polas escaleiras a varios mozos, incluído a unha moza menor de idade que por pouco cae a rolos", explicaron, nun contexto no que as "faltas de respecto e insultos" foron "contínuas", din.