O BNG pide unidade municipal contra un financiamento que 'quita' 1.500 millóns a Galicia

Ana Pontón e os responsables do BNG nas cidades CC-BY-SA BNG

Cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante que a media estatal para o financiamento de servizos municipais. Esa é a "discriminación" que o BNG denuncia na repartición dos fondos que chegan ás localidades a través da Participación nos Ingresos do Estado (PIE). Significa, segundo o Bloque, que os municipios galegos perderon 136 millóns de euros só en 2016, e 1.512 millóns de euros desde a entrada en vigor do actual sistema en 2004.

Cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante ca media estatal para o financiamento de servizos municipais, segundo denuncia o BNG

Logo de debullar os datos, o BNG advirte que esta "discriminación" afecta "especialmente" as urbes do país, cunha media de 252,7 euros por habitante neste exercicio fronte aos 499,63 euros de media das grandes cidades do Estado que superan o medio millón de habitantes (Barcelona, Madrid, Málaga, Sevilla, Valencia e Zaragoza). 

“Non entendemos por que un veciño de Lugo ou de Pontevedra ten que ter a metade de recursos para financiar os seus servizos que un veciño de Madrid”

“Non entendemos por que un veciño ou unha veciña de Lugo, da Coruña de Pontevedra ten que ter a metade de recursos para financiar os seus servizos que un veciño ou veciña de Madrid, Barcelona ou Málaga”, asegurou este luns a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, logo do encontro que mantivo cos e coas responsables municipais do BNG nas grandes cidades galegas e co rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Para o Bloque é “unha prioridade” modificar este financiamento discriminatorio “e acabar co réxime de privilexio das grandes cidades do Estado, que co 16% da poboación acaparan o 33% da PIE”, -11.341 millóns de euros neste exercicio-, explicou a dirixente nacionalista.

As seis urbes principais de Galicia reciben menos non seu conxunto que Sevilla ou Valencia ou o mesmo que Málaga

Así, e segundo os datos analizados pola formación nacionalista, as cidades galegas reciben só a metade por habitante respecto das grandes cidades do Estado. As seis urbes principais de Galicia, con 920 mil habitantes, reciben menos no seu conxunto ca cidades máis pequenas (Sevilla, Valencia e Zaragoza) e practicamente o mesmo que Málaga, que representa o 62% de poboación.

Ante o “pasotismo de Feijóo ao longo de sete anos de goberno", o Bloque anuncia que presentará unha moción en todos os municipios reclamando unha posición de país para mudar un modelo inxusto. “Como pode ser que Málaga reciba o mesmo financiamento que as cidades galegas xuntas?” interpelaba Pontón.

O Bloque presentará unha moción en todos os municipios reclamando unha posición de país para mudar un modelo inxusto

“Imos levar a todos os concellos e a todas as cidades unha moción para que as cidades galegas se alíen na defensa dun financiamento xusto e acabemos co réxime de privilexio que teñen as grandes cidades do Estado” engadiu Pontón, para quen os datos de reparto da PIE é unha proba máis “que desmonta o mito de que Galiza está sobrefinanciada ou que vivimos da solidariedade do Estado”. Por contra, o BNG aposta pola “autonomía fiscal plena” tamén no financiamento local, que teña en conta cal é o custo efectivo para a prestación de servizos desde a realidade dos municipios do país.

 

O 30% dos ingresos municipais

A participación dos concellos nos tributos do Estado (PIE) é unha liña financeira garantida a través do artigo 142 da Constitución, que ten como obxectivo contribuír cos recursos suficientes para os concellos atenderen as competencias locais.

A carón dos tributos propios, a PIE é o recurso financeiro máis importante dos concellos. Non é unha subvención (as subvencións apenas son o 10% dos orzamentos municipais, vinculadas a servizos compartidos con outras administracións). Correspóndelles como garantía financeira para atender as competencias legais atribuídas e representa arredor do 30% dos ingresos municipais, só superada polos tributos propios que son case o 50%.

Galicia, cun 6,24% de poboación, apenas recibirá o 5% destes fondos en 2016

Tal e como explica o BNG, e tendo en conta a previsión de entregas para 2016 por autonomías e a relación enre poboación e participación, Galicia, cun 6,24% de poboación, apenas recibirá o 5% destes fondos. Ademais, os concellos galegos perden 50 euros por habitante, ao situarse de media en 209 euros fronte aos 259 do Estado. Xa que logo, en conxunto e neste ano, as administracións locais galegas perderán 136,6 millóns de euros, segundo a estimación. 

No período de 2004 a 2015, pódese estimar que os concellos galegos recibiron 1.376 millóns de euros menos e que, xunto coa estimación de 2016, a perda atinxirá os 1.512 millóns de euros en 13 anos. 

Ana Pontón e os responsables do BNG nas cidades CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.