O BNG pídelle contas á Comisión europea pola "bochornosa" retención de Morales

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

"Inadmisible" e "bochornosa". Son os cualificativos que, a xuízo da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, merece a retención durante máis de 12 horas do presidente de Bolivia, Evo Morales, nun aeroporto de Viena. A europarlamentaria vén de presentar unha interpelación para, xunto a outros membros do grupo Verdes/ALE e da GUE/NGL, pedirlle contas á alta representante de política exterior da Unión Europea, Catherine Asthon, a quen instan a pronunciarse "sobre as repercursións diplomáticas" do feito de que "Francia, España, Italia e Portugal prohibisen a utilización do seu espazo aéreo" a "un cargo electo democraticamente nun país soberano".

Aínda que o Goberno español permitiu finalmente que Morales sobrevoase o seu territorio e fixese escala nel, Miranda coida que Asthon debe "clarificar" se "detrás desta decisión existiron presións dos Estados Unidos" e se, polo tanto, "estes Estados e o conxunto da UE cederon unha vez máis ás presións" do Goberno norteamericano, desta volta "pola sospeita" de que Eward Snowden, o ex técnico da CIA que revelou a espionaxe da Administración estadounidense a diversos países, "viaxaba no avión". Snowden, salienta Miranda, é "un cidadán que tivo a coraxe de denunciar a espionaxe masiva dos EUA sobre o resto do mundo, incluídos os cidadáns europeos".

AGE promoverá que o Parlamento de Galicia "condene estes feitos", que ve "intolerábeis"

Mentres dende Estrasburgo Miranda coida que estamos "ante un novo suceso que demostra que a UE está disposta a violar os dereitos fundamentais e o dereito internacional con tal de compracer as demandas dos Estados Unidos", dende o Parlamento de Galicia AGE súmase tamén ás críticas sobre o acontecido con Morales. A través dun comunicado a coalición considera que "a submisión dos Estados europeos á política imperial" dos EUA "viviu hoxe un esperpéntico e gravísimo episodio", no que "se demostrou, ademais, que o Estado español non é máis ca un vasalo aos ervizo da reacción mundial". Para Altenrativa a "aldraxe democrática" á que foi sometido Morales é "intolerábel". Por este motivo, o grupo liderado por Xosé Manuel Beiras "decidiu solicitar de urxencia a convocatoria da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia para que a Cámara condene estes feitos".

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.