O BNG presenta a 'Iniciativa Bóveda' por un novo sistema de financiamento para Galicia que inclúe un concerto económico

Homenaxe do BNG a Alexandre Bóveda na Caeira, este martes © BNG

O 17 de agosto de 1936 foi fusilado na Caeira (Poio) Alexandre Bóveda, un dos redactores do Estatuto de Autonomía de 1936 e que entre outros traballos foi o primeiro director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, traballando posteriormente nas delegacións de Facenda de Vigo e Pontevedra. 85 anos despois, no Día da Galiza Mártir e coincidindo coa homenaxe a Bóveda e ás restantes persoas asasinadas polo franquismo, o BNG presentou a denominada 'Iniciativa Bóveda', unha proposta dun novo sistema de financiamento para Galicia.

O Bloque reclama unha Facenda Pública Galega e un concerto económico "que permita a Galiza ser beneficiaria da súa riqueza"

Na proposta, o Bloque reclama unha Facenda Pública Galega e un concerto económico "que permita a Galiza ser beneficiaria da súa riqueza" e usala "para garantir o desenvolvemento económico, crear emprego e blindar os servizos públicos". Este concerto económico "debe contar con capacidade fiscal sobre os impostos soportados por Galiza, crear unha Axencia Tributaria Galega e transferir aos concellos os recursos necesarios para as competencias e servizos que desenvolven, en base a un modelo de financiamento local propio", sinala a formación.

Alexandre Bóveda Dominio Público

O BNG propón así mesmo establecer un “Cupo co Estado” como mecanismo de redistribución interterritorial vinculado á renda relativa "que serva de elemento verdadeiro para a redución das actuais diferenzas nos niveis de servizos e infraestruturas e que contribúa a unha verdadeira converxencia nos niveis de renda entre os diversos territorios do Estado", apuntou a líder nacionalista, Ana Pontón.

O BNG propón así mesmo establecer un “Cupo co Estado” como mecanismo de redistribución interterritorial vinculado á renda relativa

Pontón dixo que o BNG busca con esta iniciativa "abrir un debate social e institucional sobre un novo modelo de financiamento que nos permita ter a chave dos cartos dos galegos e das galegas en Galiza" co obxectivo de “construír unha Galiza próspera con máis recursos para contratar máis persoal sanitario, máis profesorado, mellorar a atención primaria, construír rede pública para atender ás persoas maiores, axudar aos sectores económicos máis afectados pola crise ou enfrontar o cambio climático".

"Na última liquidación tributaria o Estado recadou na Galiza 13.132 millóns de euros. A cambio, ese ano recibimos do Estado 8.158 millóns de euros", dixo Pontón

Ana Pontón afirmou que o actual modelo de financiamento "leva caducado desde 2014 e o Goberno do PP na Xunta non moveu un dedo para cambialo", engadindo que se trata dun "sistema de financiamento opaco, caduco e centralista que non ten en conta a nosa realidade”. Pontón subliñou que o actual modelo “é un mal negocio para Galiza” porque "aportamos cada ano máis ao Estado do que recibimos". 

En concreto, sinala a voceira nacional do BNG, "na última liquidación tributaria dispoñíbel, de 2018, o Estado recadou na Galiza 13.132 millóns de euros. A cambio, ese ano recibimos do Estado 8.158 millóns de euros. É dicir, que Galiza aportou 4.863 millóns de euros ao Estado”. Pontón concluíu que "Galiza perdeu máis de 9.000 millóns de euros nunha década” e que "isto é así porque a chave dos nosos cartos están en Madrid, non en Galiza”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.