O BNG presenta un programa "de emerxencia social e nacional" para as xerais

Cabezas de lista do BNG para as xerais, na presentación do programa CC-BY-NC-SA BNG

Unha "emerxencia social e nacional" que "non fixo máis que empeorar tras cinco meses de lexislatura fracasada". É a situación que o BNG debuxa como pano de fondo das eleccións xerais do 26-X e do programa electoral que defenderá a formación soberanista na que define como "segunda oportunidade" despois de ficar sen representación nos comicios de decembro.

Os cabezas de lista das candidaturas BNG-NÓS presentaron este xoves unha proposta programática que, segundo o número un pola Coruña, Carlos Callón, ten como "elemento clave poñer os recursos de Galiza ao servizo do país, para deixar de vivir unha vida pobre nun país rico". Nesta liña, explica, van medidas no eido do autogoberno, a comezar por transferencias de competencias pendentes dende hai anos, tales como a da Autoestrada do Atlántico e "outras infraestruturas de interese xeral viarias, portuarias e ferroviarias".

O programa propón transferencias pendentes como a da AP-9 e "un plan específico contra a pobreza e a exclusión social"

Boa parte do programa do Bloque ten matiz económico e laboral. Así, a candidata por Lugo, Olalla Rodil, afirma que a "prioridade" á hora de establecer eventuais acordos no Congreso sería a derrogación "das reformas laborais do PP e do PSOE" e, ao seu carón "un plan específico de loita contra a pobreza e a exclusión social". No eido estrutural, sinalan, estas medidas deberan vir acompañadas dunha "reforma fiscal progresiva que permita financiar os servizos públicso e unha fiscalidade variábel para os autónomos en función dos seus ingresos".

"Diferéncianos das forzas estatais que nós non damos cheques en branco"

Vinculadas á economía e ao traballo están tamén medidas como a defensa da xornada laboral de 35 horas semanais, "finiquitar as empresas de traballo temporal" ou "racionalizar os horarios comerciais", salienta Noa Presas, candidata por Ourense, quen destaca tamén as propostas de igualdade salarial ou a "inclusión do termo feminicidio" na lexislación contra a violencia machista. Nesta liña exprésase tamén Luís Bará, cabeza de lista por Pontevedra, para quen o programa do BNG se define "en dúas palabras: crer e querer". Nese espírito encádranse propostas como a creación dunha banca pública, "medidas para o saneamento e protección integral das rías" ou a supresión da prórroga á permanencia de ENCE na ría pontevedresa.

Propostas coma estas, agrega Callón, estarían sobre a mesa se o BNG debe sentar a negociar a conformación de posibles maiorías de goberno. "Hai unha cuestión que nos diferencia das forzas estatais, que non damos cheques en branco", asegura. Así, di, contaría co apoio do Bloque quen se comprometa a aplicar "un programa claro a favor de Galiza" nun contexto "no que as enquisas amosan que, para conformar un goberno no Estado, haberá que contar coas forzas nacionalistas". "Precisamos ter voz, veto e voto para condicionar as políticas do Estado a favor do país", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.