Poñerlle freo ao "incremento vertixinoso das execucións hipotecarias" e facelo co aval previo do Parlamento de Galicia. É o que tentará o BNG o vindeiro martes no pleno da Cámara galega a través dunha figura regulamentaria que precisa dun duplo consenso e que obriga aos demais grupos a definirse sobre a materia tratada ata en dúas ocasións. Despois de defendelo en diversos foros os nacionalistas achegan ao lexislativo galego unha proposición de lei que non ten como destino último o Pazo do Hórreo, senón o Congreso dos Deputados, a onde chegaría se antes recibe luz verde en Compostela. O seu obxectivo é modificar varias leis do Estado para lograr algo sobre o que se ten debatido e escrito moito no último ano: a dación en pagamento.
A iniciativa do Bloque susténtase na escalada de desafiuzamentos que, di a súa voceira parlamentaria, Ana Pontón, se vén producindo nos últimos tres anos. Só en Galicia, detalla, en apenas tres anos "máis de 6.000 familias perderon as súas vivendas" por non poder facer fronte aos recibos da hipoteca, pero tameń por enfrontárense a unha "lexislación inxusta" que as deixa "desprotexidas" fronte á banca. Neste contexto, di Pontón, faise necesario que a dación en pagamento non sexa "algo que poidan facer os bancos", senón unha obriga legal que actualmente non existe. Non en van, explica o BNG na súa proposición, a vixente lexislación "procesual, hipotecaria e civil impide que os xulgados adopten medidas intermedias", mesmo "ponderando o dereito da entidade financeira acredora a que lles sexa resarcida a débeda", pero tameń "o dereito ao acceso a unha vivenda digna" de persoas que non pagan o seu préstamo hipotecario "por causas alleas á súa vontade", como "verse de súpeto inmersos nunha crise económica que ten provocado a perda de emprego e o deterioramento do seu poder adquisitivo".
Pontón lembra que "máis de 6.000 familias galegas" perderon a súa vivenda nos últimos tres anos
Sobre esta base o BNG tentará lograr, primeiro en Santiago e -se é aprobada- despois en Madrid o apoio de PP e PSdeG para comezar por modificar a Lei de Axuizamento Civil e a Lei Hipotecaria para garantir que, "no caso de debedores de boa fe", a dación en pagamento "cancele a totalidade da débeda hipotecaria", de xeito que "a perda de valor dos inmobles sexa asumida tamén por parte da entidade financeira que a taxou con valor artificialmente alto" nos anos de bonanza. Ademais, apostan por "introducir un proceso de negociación nos procesos executivos hipotecarios" que poidan "conducir a unha mo ratoria dos prazos", isto é, interromper a satisfacción das cotas do préstamo mentres a situación económica da persoa afectada non mellora. Igualmente, propoñen que exista a posibilidade de transformar a hipoteca "nun contrato de arrendamento con opción de compra" ou mesmo a "condonación parcial" da débeda, só en caso de "prezos abusivos ou inflados", di Pontón.
Se a iniciativa sae adiante produciríase tamén unha modificación do Código Civil, neste caso encamiñada a que "normas legais ou pactos voluntarios alteren o principio de responsabilidade ilimitada do debedor". Trátase, neste caso, de que "exista un maior equilibrio entre a posición xurídica das partes obrigadas por un contrato hipotecario". Para que todo isto suceda é condición necesaria que o PP vote afirmativamente no debate de toma en consideración da proposta e que o volva facer despois, no remate do trámite no Parlamento de Galicia. Se isto sucedese a iniciativa pasaría ás Cortes Xerais, onde se requeriría un novo consenso en torno ao texto, que sería defendido por membros da Cámara galega.