O BNG promete recorrer dende a Xunta a liberalización de horarios comerciais

Jorquera, con Lores no acto de Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Recurso de inconstitucionalidade para reverter a liberalización total do comercio. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, lanzou este venres unha das primeiras propostas da precampaña nacionalista coa vista posta no ámbito económico. No marco dunha xuntanza con comerciantes en Pontevedra o nacionalista recolleu a "preocupación e malestar" do sector por unha das consecuencias do paquete de recortes do Goberno central que non só permite aos negocios de calquera dimensión permanecer abertos as horas que os seus propietarios consideren oportunas, senón tamén organizar períodos de rebaixas en calquera data do ano. Estas normas prexudican o pequeno comercio e favorecen as grandes áreas pero ademais, di, baten co autogoberno galego.

O comercio de proximidade é, para o aspirante do Bloque, "un sector estratéxico de Galiza" pola súa capacidade de xerar emprego e polo seu "papel cohesionador nas cidades". Pero este factor e a propia "invasión de competencias autonómicas" produciuse "coa complicidade" de Alberto Núñez Feijóo algo que, compromete, non sucederá se os nacionalistas participan do Executivo tras as eleccións do 21 de outubro, posibilidade que Jorquera contempla sempre e cando sexa para poder aplicar "un cambio profundo" no país. Esta medida completarase con outras como a "limitación á implantación de novas grandes áreas comerciais" ou "desenvolvemento dunha campaña de promoción do consumo de produtos galegos", explica.

Remuneracións dos cargos públicos

Jorquera: "De Cospedal debera deixarse de medias tintas e dicir o que pensa, que unha ditadura é máis barata"

Tras este encontro con comerciantes Jorquera abordaba ademais a aposta do PP por volver situar no cerne do debate público a posibilidade de reducir a dimensión dos parlamentos autonómicas, acrecentada ademais pola secretaria xeral dos conservadores e presidenta de Castilla-La Mancha, Dolores de Cospedal, que propón ademais que os deputados e deputadas poidan deixar de percibir os seus salarios. Na mesma xornada en que Feijóo ratificaba que, se volve gañar, pasará a tesoira pola Cámara galega para deixala en 61 deputados o candidato nacionalista coida que "a señora De Cospedal debera deixarse de medias tintas e dicir realmente o que pensa, que é mellor disolver as institucións, que unha ditadura é moito máis barata". "Subscribe Feijóo esta postura?", pregúntase.

A xuízo do cabeza de cartel do Bloque a intención última do PP é "devaluar a democracia" e, ao tempo, que "só os ricos poidan estar nas institucións", unha postura que ademais considera "impúdica e inmoral toda vez que, ademais, vén dunha persoa como De Cospedal, que chegou a cobrar tres salarios". Nesta liña Jorquera reclama a fin da "demagoxia" neste ámbito. O BNG, sinala, defende uns "salarios austeros para os parlamentares" e "acordes coa súa responsabilidade política" pero "para que curren, non como os deputados do PP, que unha vez conseguido o escano só se dedican a avalar políticas lesivas para os cidadáns que os elixiron".

Jorquera, con Lores no acto de Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.