O BNG propón un plan de 90 millóns para o "retorno" da mocidade emigrada

Pontón e Presas, en Ourense durante a videoconferencia con mocidade emigradra CC-BY-NC-SA BNG

Dubai, Irlanda, Ecuador, Noruega, Alemaña, Suíza, Madrid e Barcelona. Son os oito destinos doutros tantos mozos e mozas na emigración cuxas voces se escoitaron estes venres no acto electoral do BNG en Ourense. A aspirante do Bloque á Presidencia, Ana Pontón, e a cabeza da lista ourensá da formación, Noa Presas, compartiron conversa con eles a través de internet para ofrecerlles detalles do Plan Retorna, unha das principais iniciativas da campaña da formación soberanista coa ollada posta na mocidade que abandonou o país nos últimos anos.

Uns 90 millóns de euros -isto é, arredor do 1% do orzamento anual do Goberno galego, destacan-, é o que Pontón prevé que sería o impacto nas contas públicas dunha proposta que, sinala, tería un duplo obxectivo: "Reter o talento e dar unha oportunidade de volver a toda esa xente que se viu obrigada a marchar pola falta de emprego" ou polas súas "malas condicións". O plan, resalta, concretaría coa "contratación de persoal investigador e tecnólogo", pero tamén co "impulso á contratación en sectores estratéxicos".

A outra pata deste proxecto dirixiríase a "persoas con vocación emprendedora, para poder materializar os seus proxectos empresariais en Galiza". "Se queremos saír adiante -agrega Pontón- precisamos que haxa emprego digno, oportunidades e condicións salariais que permitan ás persoas a chegar a fin de mes". Este, defende, non é un plan que cómpre encadrar só na área económica, senón tamén na demográfica, toda vez que pretende mellorar o emprego xuvenil. Mentres, "as caixas finlandesas só serven para facer titulares de prensa", di, en referencia aos agasallos que a Xunta entrega a familias con bebés dende o pasado agosto.

Pontón resalta que o plan non impactaría só na economía, senón tamén na demografía, mentres que "as caixas finlandesas só serven para facer titulares de prensa"

Se o Bloque chega ao Goberno, asegura a nacionalista, a Xunta será "aliada da xente que vive en Galiza, para que teña condicións dignas" e tamén "para que as persoas que marcharon teñan a oportunidade de retornar". "Temos que dar un salto para que todo o talento, o coñecemento e o bo facer" desa mocidade pase de "ser útil en Alemaña, Suíza ou Ecuador" a "traballar con nós, cóbado con cóbado". Móstra de que entre a mocidade emigrada existe esa vontade de retorno, din, é que os participantes no acto deste venres "responden, maioritariamente, que volverían a Galiza, pero que neste momento é imposible polas dificultades para atopar traballo".

Convite a "imaxinar" Galicia gobernada polo BNG

Pontón e Presas protagonizaron este acto, centrado na emigración, na mesma xornada en que o Bloque inicia a publicación dunha serie de vídeos nos que amosan situacións da vida cotiá nas que convidan a "imaxinar" como sería Galicia se a formación nacionalista chegase á Xunta. Na primera montaxe un mozo e unha moza fan contas para asistiren a un concerto e deciden ir cando se decatan de que a peaxe da Autoestrada do Atlántico foi retirada, "como prometeu o Bloque".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.