O Bloque vén de propoñer plan de resposta á crise de prezos co que pretende mobilizar 1.000 millóns de euros para axudar aos galegos e as galegas. Así o anunciou a súa portavoz nacional, Ana Pontón, quen adiantou que presentará a proposta aos axentes sociais e trasladaráa tamén ao Parlamento galego co obxectivo de chegar a acordos a favor da maioría social e para "buscar unha saída xusta e galega ante a crise".
O BNG di lanzar esta "alternativa" ante a "pasividade e a falta de ideas do Goberno do PP para ofrecer solucións aos problemas dos galegos e as galegas". Entre as medidas inclúe un plan de rescate de persoas vulnerábeis e máis desfavorecidas, un programa de medidas para salvar sectores estratéxicos, un plan de reforzo de servizos públicos esenciais ou un plan de medidas de fomento do transporte público e da mobilidade.
“É imperdoable que no medio da maior crise de prezos, con tantas familias afogadas, a Xunta estea de brazos cruzados", di Pontón
A iniciativa do BNG tamén propón un fondo extraordinario de investimentos en enerxía, mobilidade, vivenda e auga, e un fondo extraordinario de apoio a concellos, entre outras propostas que van dende medidas de choque no inmediato a medidas de carácter estrutural.
“É imperdoable que no medio da maior crise de prezos, con tantas familias afogadas, a Xunta estea de brazos cruzados, incapaz de achegar solucións e cun presidente ausente e sen ideas de futuro”, criticou logo da reunión da Executiva Nacional para abordar o inicio do curso político.
Pontón debullou algunhas das medidas, entre as que inclúe un fondo de 110 millóns para as persoas vulnerábeis, o incremento de cen euros do complemento autonómico ás pensións non contributivas, aumentar a RISGA e facela compatible co Ingreso Mínimo Vital, incrementar as axudas fronte á pobreza enerxética e para os gastos básicos de vivenda e recuperar a Tarxeta Básica.
Ademais, Pontón di que o BNG aposta por que a Xunta asuma "un papel activo á hora de desenvolver compras centralizadas de enerxía e de insumos para os sectores económicos claves", como fórmula para abaratar os altos custos, e pola posta en marcha dun programa de apoio á economía local, con medidas concretas para a hostalería e o comercio de proximidade.
Tamén propón a gratuidade de libros escolares, a contratación de 1.000 docentes, un "Plan de Choque para Atención Primaria" e tarifa plana no transporte público, entre outras medidas.
Por último, Ana Pontón criticou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a quen ve "moi preocupado pola súa imaxe persoal" e por dar "moitos paseos en moto" mentres non ofrece "solución ningunha".