O 29 de febreiro a eurodeputada Ana Miranda realizoulle unha pregunta escrita á Comisión Europea, na que se interesaba pola investigación que funcionarios da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) iniciaran na Deputación de Ourense. Miranda interesábase, así mesmo, polas causas que levaban á Comisión a abrir a investigación, se era unha pescuda rutineira ou se respondía a sospeitas ou denuncias dun uso incorrecto de fondos europeos.
A resposta da Comisión confirmaba que se abrira unha investigación "sobre determinados asuntos relacionados con los Fondos Estructurales de la UE en Ourense" e que, aínda que non podía ofrecer detalles, a OLAF só podía abrir un expediente sete tipo "cando existen sospeitas suficientemente fundadas de que se cometeran actos de fraude ou corrupción ou outros actos ilegais que afectan os intereses financeiros da UE"
Ana Miranda salientou este xoves que o BNG se limitou "a trasladar a opinión pública a información facilitada pola Comisión Europea ante un feito tan inusual como que unha delegación da OLAF acuda a unha institución pública porque considere que existen fundadas sospeitas de fraude, corrupción ou ilegalidade, tal como textualmente, informa a Comisión Europea".
Ana Miranda salientou este xoves que o BNG se limitou "a trasladar a opinión pública a información facilitada pola Comisión Europea ante un feito tan inusual
A eurodeputada respondía así ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que aseguraba que non tiña constancia de que a UE abrise un expediente contra a institución, e responsabilizou a Ana Miranda de facer público uns feitos “que non son noticia”. Engadiu que remitira un burofax á Comisión para informar de que “existe por parte dun determinado grupo político interese en menoscabar a imaxe da provincia”. O BNG contestou a esta última cuestión que "traballa no Parlamento Europeo para que Galiza poda recibir alomenos 3.500 millóns de euros de fondos comunitarios para o periodo 2014-2020, que agora están en plena negociación".