O BNG tenta que o Parlamento investigue o afundimento de Pescanova

Adán e Jorquera presentan a iniciativa en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

"Reflotar" Pescanova para "que volva ás súas orixes" e evitar que sexa "troceada". Este é, na opinión do BNG, o obxectivo que deberan perseguir os poderes públicos galegos a respecto da delicadísima situación financeira pola que pasa Pescanova, actualmente en concurso de acredores, xestionada por unha auditora internacional e co algúns dos seus principais xestores chamados a declarar como imputados na Audiencia Nacional. Os nacionalistas inician no Parlamento unha aposta por implicar as Administracións públicas na viabilidade da empresa e, para iso, coidan, antes hai que investigar o que aconteceu nela.

Dado que o Bloque non conta con escanos dabondo para promover directamente unha comisión de investigación, os nacionalistas empregan a figura da proposición non de lei para reclamar o apoio do resto de grupos e chegar á mesma fin: que a Cámara indague "nos motivos da actual situación de Pescanova" e tamén sobre a "presenza da Xunta, a través de SODIGA, nunha das súas filiais", sinala Francisco Jorquera. O lexislativo, di o voceiro do BNG, debe investigar a situación económica da compañía, "produto dun proceso de expansión compulsivo e desordenado" que "se traduciu no desvencellamento da emrpesa, agravado pola perda de institucións financeira do país anet a que Feijóo permaneceu mirando cara a outro lado".

O Bloque pide non desbotar a posibilidade dunha participación pública en Pescanova

Escrutar o "uso realizado das axudas públicas" ou reclamar "un compromiso do Goberno galego para garantir o mantemento dos postos de traballo" e elaborar "un plan de viabilidade e galeguidade da empresa" son outros dos compromisos incluídos nunha iniciativa elaborada para un contexto no que, explican Jorquera e a voceira do Bloque en materia de industria, Carme Adán, tampouco se debe desbotar a "participación pública na xestión do capital de Pescanova". Na actual conxuntura, di Adán, non vale "o silencio" que está a caracterizar a Feijóo. Por iso, explica, cómpre que o propio Executivo propicie unha xuntanza co comité de empresa para establecer o devandito plan de viabilidade, "con avais do IGAPE e participación pública".

Neste escenario, Jorquera lamenta estar a asistir a un novo síntoma "do rotundo fracaso das políticas de Feijóo" que, tamén neste caso, escolleu "ser o líder da oposición á oposición, en troques de exercer como presidente dun Goberno". Nesta liña, o voceiro nacionalista incide en que a actual situación é tamén produto das "irregulares xestións do seu presidente", Manuel Fernández de Sousa, "vinculado a Feijóo na campaña das autonómicas do ano 2009" e a quen "só lle faltou pedir o voto para o PP de maneira pública".

Adán e Jorquera presentan a iniciativa en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.