O búmerang lingüístico vólvese contra o PP en vésperas do 17M

Pancartas no Correlingua, en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

O 8 de febreiro de 2009 chovía en Compostela. O inverno tentaba ofrecer unha demostración de forza antes da primavera e, nas rúas da capital, o colectivo coñecido como Galicia Bilingüe tentaba facer o propio antes da campaña electoral que comezaba poucos días despois. Xunto aos membros e partidarios desta asociación, chegados de ambas marxes do Padornelo, manifestábase a deputada Rosa Díez, que buscaba o desembarco do seu partido en Galicia, e tamén o facían altos cargos do PP como o que apenas dous meses despois sería conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o hoxe alcalde da Coruña, Carlos Negreira, ou a actual ministra de Fomento, Ana Pastor. Entre lemas máis ou menos grosos rexeitaban a suposta "imposición" do galego e reclamaban "liberdade" fronte ao "adoutrinamento" lingüístico ao que, aseguraban, sometía a Xunta de PSdeG e BNG á sociedade galega en xeral e ao estudantado en particular.

Cerviño insta o PP a esquecer "as súas concesións aos 'pijos', patufos desleigados e extremistas de dereita"

Máis de tres anos despois daquela manifestación, máis abondosa en titulares que en asistencia, os populares encaran a recta final da lexislatura coa política lingüística en segundo plano. Afastados das controversias creadas no inicio do mandato en torno a polémicas medidas como o chamado decreto do plurilingüismo, este martes achegaban ao Parlamento unha iniciativa cun ton ben distinto ao das marchas formalmente bilingües. Defendida pola deputada Marisol Piñeiro a proposta, moi breve no contido, apostaba por instar a Xunta a "fomentar o uso da lingua galega nas redes sociais" de Internet. A intención, di a deputada, é crear "entornos favorables" para que a mocidade "faga uso do galego nas rúas relacións persoais", tamén a través de Facebook, Twitter ou Tuenti.

Pero este non foi o único debate lingüístico da sesión. Nos minutos previos un dos asinantes da iniciativa sobre o galego nas redes sociais, Pedro Arias, subira á tribuna nun debate sobre o sector naval para pronunciar, como adoita facer, unha intervención integramente en castelán. Xusto antes o voceiro popular en materia de lingua, Agustín Baamonde, anunciara o seu voto en contra a unha proposición coa que o PSdeG reclamaba a aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) no referido aos medios de comunicación reclamando, por exemplo, que se condicionen as axudas á prensa por uso do galego a que a lingua propia se utilice "nas seccións centrais", que a súa presenza se incremente de xeito "progresivo" ou que existan controis "a posteriori como condición para a percepción da subvención".

Lobeira: "A día de hoxe utilízase menos galego nos medios que hai 35 anos"

Para o autor da iniciativa socialista, Francisco Cerviño, o PP tiña na súa proposta unha oportunidade para esquecer as súas "concesións aos pijos, patufos desleigados e extremistas de dereita". Os riscos aos que está exposto o idioma, di, son "reversibles se o Goberno cumpre coa súa obriga legal e moral" e fai "o que esta Cámara lle indicou -por unanimidade no ano 2004-" co PXNL. No caso da prensa, ademais, poñer en marcha estas medidas suporía, dende o seu punto de vista, deixar de utilizar "as subvencións para influír na liña editorial" e "reafirmar a supremacía dos políticos electos sobre os magnates que ninguén elixiu".

O plan do PSdeG recibiu o apoio do BNG, que a través de Bieito Lobeira describiu un "panorama desolador" para os medios en galego a consecuencia da "política de terra queimada" que, acusa, practica a Xunta neste ámbito. "A día de hoxe utilízase menos galego nos medios que hai 35 anos", lamenta, un "ermo absoluto" que podería paliarse se o Goberno aplicase "os acordos construídos en base ao acordo político do PXNL". Pero nin uns nin outros argumentos mudaron a posición do voceiro do PP, quen considerou que a iniciativa do PSdeG "é puramente tautolóxica" e "non serve para nada", entre outras cousas porque "xa existen" axudas para os medios en galego. Dende o seu punto de vista, "non fai falta ser un atento observador" que os grupos da oposición só tentan "quecer motores de cara" ás mobilizacións do Día das Letras, "facer pinza" e crear unha "axitación social" que "as medidas que vén tomando o Goberno non xustifica".

O PP acusa a oposición de tentar "quecer motores" para "utilizar politicamente" o Día das Letras

Foi neste clima no que chegou o debate sobre a devandita iniciativa en torno ás redes sociais, á que socialistas e nacionalistas tentaron, sen éxito, engadirlle senllas emendas instando a aplicar o PXNL, neste caso as medidas referidas á mocidade. Para Lobeira, os conservadores só tentaban desenvolver "a estratexia coñecida como galleguistas un día al año" a través dunha iniciativa só "aproveitábel dende o punto de vista humorístico", xa que inclúe afirmacións como que a Xunta abriu "novos espazos para o uso do galego". Para a socialista Silvia Fraga o PP tentou un "lavado de imaxe" sen ter en conta que o galeguismo "non consiste en comer polbo e empanada en actos multitudinarios". "Están quecendo motores para o 17 de maio", insistiu dende o PP Marisol Piñeiro. "Debérano celebrar como Día das Letras Galegas" e non "sectaria e politicamente", recomendou.

Agustín Baamonde e Marisol Piñeiro © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.