O cambio político acabará de vez coas rúas franquistas na Coruña

Placa da rúa División Azul na Coruña CC-BY Drow male

"Nas rúas da Coruña hai dúas leis, a de Memoria Histórica e a de Normalización Lingüística, que se están a incumprir". Xulio Ferreiro, líder da Marea Atlántica e futuro alcalde da cidade, deixou clara a súa postura en varias entrevistas. As rúas con denominacións franquistas que aínda perviven na urbe teñen as súas horas contadas. É unha promesa electoral pero tamén o cumprimento do compromiso que todas as forzas progresistas que se presentaron ás eleccións do pasado domingo adquiriron hai dous meses e medio coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH). E desaparecerán nun prazo de tres meses desde a investidura do novo rexedor. 

A Marea Atlántica aplicará a lei e asumirá o compromiso que todas as forzas progresistas adquiriron coa CRMH

Avenida e peirao de Calvo Sotelo, praza de José Toubes, avenida Salgado Torres, peirao Almirante Vierna, Diego Delicado Marañón, rúa Disciplina, avenida de Primo de Rivera ou rúa División Azul. Son máis de vinte as denominacións vencelladas ao réxime franquista que permanecen no rueiro da Coruña, así como placas conmemorativas nalgún grupo de casas ou un baixorrelevo na sede do Concello que recorda a visita á cidade de Franco en 1939. O novo goberno da Marea Atlántica e o apoio de BNG e PSdeG á retirada da simboloxía fascista aseguran a retirada dunhas placas que, mesmo legalmente, hai tempo que xa non deberían estar na cidade. 

Hai case seis anos, en setembro de 2009, o pleno municipal aprobou un acordo polo que se obrigaba á eliminación de 52 símbolos franquistas da cidade, entre eles o nome de 23 rúas, ademais de 4 placas en grupos de vivendas, 21 distincións honoríficas e outros 4 monumentos. Os votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP fixeron posible o devandito acordo, do que pouco se soubo máis alá da colocación simbólica de novas placas que debían substituír as anteriores -como o caso da avenida de Oza en lugar de General Sanjurjo- e que acabaron por ser retiradas para manter a denominación anterior. O Concello licitara incluso por máis de 70.000 euros os traballos de retirada da simboloxías franquista e publicitara uns bosquexos sobre a futura imaxe das novas placas.

O novo goberno local cumprirá cun mandato que xa fora acordado e mesmo licitado en 2009 polo Concello pero que nunca se levou a cabo

Ante este desleixo, o xulgado do contencioso-administrativo número 4 da Coruña admitiu a trámite o recurso interposto pola CRMH contra o Concello polo incumprimento dos acordos municipais do propio goberno local e por incumprir a Lei da Memoria Histórica, aprobada en 2007, e que exixe a retirada de todo tipo de simboloxía franquista por parte das administracións. Axiña debería haber sentenza, malia que o seu propósito xa estará acadado. "Trátase só de cumprir a lei", insiste Xulio Ferreiro cada vez que se lle pregunta polo tema. 

No compromiso que as forzas progresistas adquiriron inclúese tamén a eliminación da distinción honorífica de fillo adoptivo a Manuel Fraga, concedida en 1968 polos "servizos prestados á ditadura franquista", así como a Laureano López Rodó, ministro da ditadura; Diego Delicado Marañón, presidente da Deputación no franquismo, José Manuel Pardo de Santayana, gobernador civil na ditadura e xefe provincial do Movimiento e José Calvo Sotelo, que tamén é fillo predilecto. Ademais, a proposición reclama unha lembranza aos funcionarios municipais represaliados e o recoñecemento a todas as vítimas do franquismo por parte do Concello.

Suprimirase tamén a distinco honorífica de fillo adoptivo a Manuel Fraga concedida en 1968

No punto 94 do programa da Marea Atlántica, e entre as 99 medidas para o 99%, a plataforma cidadá propón a "eliminación de toda simboloxía franquista aínda presente no rueiro da cidade" para "facilitar o cumprimento da Lei da Memoria Histórica, Lei 52/2007, de 26 de decembro, o que inclúe a eliminación do rueiro asociado a aqueles que practicaron violencia durante a guerra civil e a ditadura". 

Á espera do ditame do xulgado sobre a demanda da CRMH, a retirada das placas franquistas desactivará outras, como a que recaeu sobre o aínda alcalde da Coruña, Carlos Negreira, que foi denunciado polo avogado madrileño Eduardo Ranz Alonzo xunto a outros seis rexedores galegos máis e o arcebispo de Santiago e os bispos de Ourense e Tui-Vigo polo mantemento de simboloxía fascista. 

Xulio Ferreiro e integrandes da candidatura da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.